Anunciado o novo OnePlus Open

Tal e como estaba previsto, OnePlus vén de presentar o seu novo smartphone encartábel, o OnePlus Open, un dispositivo que segue a estela de modelos que apostaron por un deseño “tipo libro”, para ofrecer unha pantalla de grandes dimensións nun trebello que cabe no peto do noso pantalón.

O fabricante destaca dous aspectos fronte á competencia: o primeiro deles ten que ver co deseño, onde conseguiu un dispositivo máis lixeiro e compacto grazas a unha bisagra mellorada, que reduciu a 69 as súas compoñentes fronte ás preto de 100 que adoitan ser habituais, afectando directamente á redución do peso. Por outra banda, tamén pon en valor o avance conseguido para reducir o impacto visual da dobrez na pantalla, que adoita ser un inconvinte neste tipo de dispositivos, ao reducila e facer que sexa practicamente imperceptíbel, segundo apuntan.

O novo OnePlus Open leva unha pantalla interna Flexi-Fluid AMOLED de 7,82 polgadas, reforzada por 3 capas de protección (un cristal ultrafino sobre unha pantalla OLED flexíbel, unha capa de protección de poliuretano termoplástico – TPU – contra impactos físicos e un protector de pantalla antirreflexos para reducir o desgaste diario), mentres que o panel exterior é de 6,31 polgadas, de tipo Fluid AMOLED. Ambas as dúas contan con resolución 2K, unha taxa de refresco de 120 Hz, e un pico de brillo máximo de 2800 nits. Tamén son compatíbeis coa reprodución de vídeo Dolby Vision para mellorar a experiencia multimedia.

No interior do trebello atopámonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, xunto con 16 GB de memoria RAM e 512 GB de memoria interna. A súa batería é de 4.800 mAh, con carga rápida de 67 W capaz de cagar o dispositivo de 0 a 100% en 47 minutos, e resulta compatíbel con 5G e WiFi 7.

En canto á fotografía, a cámara principal é un sensor Sony LYTIA-T808 de 48 megapíxeles, con tecnoloxía Pixel Stacked (capaz de capturar máis luz), complementada cun sensor ultra gran angular de 48 MP e un sensor telefoto de 64 MP, capaz de capturar imaxes cun zoom óptico 3x. A cámara frontal externa é de 32 megapíxeles, e cando está aberto emprega unha cámara de 20 MP.

Por último, a nova versión do sistema operativo OxygenOS 13.2 creou desde cero Open Canvas para mellorar a produtividade diaria a través da eficiencia multiventá nunha gran pantalla, de maneira que o 95% das aplicacións principais son compatíbeis coa pantalla despregada sen a necesidade de realizar axustes visuais ou de modificar o tamaño. Permite amosar até catro ventás de aplicacións na pantalla ao tempo, e ademais, pódense gardar até nove preaxustes multiaplicación para acceder a eles ao instante.

Dispoñibilidade e prezo

O novo OnePlus Open sairá ao mercado o próximo 26 de outubro, aínda que as reservas anticipadas coemzarán o 20 de outubro. Estará dispoñíbel en verde esmeralda por 1899 €. Ademais, OnePlus activa diversas promocións de lanzamento

  • Período de reserva (do 19 ao 26 de outubro): OnePlus Pro 2 de agasallo (valorado en 179 €), 10 % de desconto para estudantes e posibilidade de pago en tres prazos.
  • Período de venda aberta (do 27 de outubro ao 30 de novembro): OnePlus Pro 2R de balde (valorado en 149 €), 10 % de desconto para estudantes e posibilidade de pago en tres prazos.

Ademáis, as persoas que merquen un OnePlus Open poderán beneficiarse en descontos de outros produtos OnePlus até o 30 de novembro: un 10% de desconto na OnePlus Pad, un 30% de desconto nos OnePlus Burds Pro 2, un 30% de desconto nos OnePlus Nord Buds 2 e un 30% adicional nos OnePlus Buds 2R.

Sobre o autor

Reply