O novo Nubia Z50S Pro, con memoria de até 1 TB, xa se pode mercar no noso país

Nubia é un deses fabricantes que moitas veces pasa desapercibido, malia ser unha marca de ZTE e contar con dispositivos moi ambiciosos nas súas características e rendemento. A compañía vén de anunciar un novo modelo, o Nubia Z50S Pro, que xa se pode mercar no noso país, e que destaca por ofrecer unhas características de gama alta a uns prezos máis contidos.

O Nubia Z50S Pro leva unha pantalla FHD+ de 6,7 polgadas (2400 x 1080 píxeles), con taxa de refresco de 144 Hz e brillo máximo de 1.000 nits. No seu interior aparece un dos procesadores máis relevantes do momento, o Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, xunto con 12 ou 16 GB de memoria RAM e opcións de 256 GB e 1 TB de capacidade de memoria interna.

En fotografía, Nubia aposta por un sensor principal Sony IMX787 de 64 MP, con lente de 35 mm, que se completa cun sensor secundario con lente “dous en un” (macro e ultrawide) de 50 MP, e un sensor espectral multicanle. A cámara frontal, para as selfies, é de 16 MP.

Non falta na folla de especificacións a conectividade 5G, nin o WiFi 6E, nin tampouco o Bluetooth 5.3, ademais do NFC para pagos móbiles. Tamén mantén o conector de audio jack de 3.5 mm, un elemento que moitos fabricantes foron eliminando conforme gañan popularidade os auriculares sen fíos.

O sensor de pegadas dixitais sitúase na propia pantalla do dispositivo e a batería fica nos 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida por cable de 80 W, o que permite cagar completamente o dispositivo de 0 ao 100% en tan só 30 minutos.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Nubia Z50S Pro xa se pode mercar no noso país, onde está dispoñíbel na tenda oficial da compañía por 599 € na configuración de 12 + 256 GB, 679 € na de 12 GB + 1 TB e 799 € na de 16 GB + 1 TB. Pódese adquirir en negro ou nun acabado que imita o coiro.

Máis info | Nubia

Sobre o autor

Reply