Os Xiaomi 14 chegan esta semana con HyperOS, substituíndo a MIUI

Xa hai data de presentación para os novos Xiaomi 14. Será esta mesma semana, concretamente o xoves 26 de outubro ás 13.00h, nun evento no que veremos os tres modelos da serie 14: o Xiaomi 14, o Xiaomi 14 Pro (que vimos hai uns días nunha filtración) e o Xiaomi 14 Ultra.

Os novos dispositivos da compañía chinesa, ademais de estrear unhas especificacións hardware actualizadas, entre as que se inclúen o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, terán entre as súas novidades un gran cambio software, sendo os primeiros modelos do fabricante en contar con HyperOS, a nova ROM que chega para substituír a MIUI.

A falta de poder estudar a fondo as súas diferenzas, semella claro que Xiaomi quere darlle máis protagonismo ao software, pasando de empregar interfaces (UI) a consideralo un sistema operativo (OS) propio, baseado por suposto en Android.

Haberá que agardar até o próximo xoves para coñecer todas as especificacións e novidades de maneira oficial, tras o evento programado para China. O máis probábel é que nesa mesma data teñamos tamén dispoñíbel o calendario e listado de prezos para a súa comercialización en Europa.

Sobre o autor

Reply