Samsung dispón de dous segmentos de tablets, dirixidos a públicos ben diferenciados. Por unha banda temos a serie Galaxy Tab S (coas Galaxy Tab S9, S9+ e S9 Ultra como últimos referentes), modelos de altas prestacións para as usuarias máis exixentes; e pola outra, a serie Galaxy Tab A, uns dispositivos máis sinxelos destinados especialmente a quen busca unha tablet de propósito xeral sen ter que gastar moito.
O fabricante surcoreano vén de anunciar as novas Galaxy Tab A9 e Galaxy Tab A9 Plus, dous modelos que se distinguen principalmente polo tamaño da súa pantalla, aínda que tamén existen outros detalles que as diferenzan.
Galay Tab A9
A Samsung Galaxy Tab A9 é o modelo de menor tamaño. Leva unha pantalla LCD de 8,7 polgadas, con taxa de refresco de 60 Hz. No interior integra un procesador MediaTek Helio G99, de oito núcleos, e está dispoñíbel en dúas configuracións de RAM e memoria interna: 4 + 64 GB ou 8 + 128 GB.
Tamén se poderá adquirir en diferentes modos de conectividade, WiFi ou WiFi + LTE, en ambos casos con 5.100 mAh de batería e unha configuración de cámaras de 8 MP na parte traseira e 2 MP na dianteira.
Samsung Galaxy A9 Plus
Por outro lado, a Galaxy Tab A9+ mantén a tecnoloxía de panel LCD, pero sube até as 11 polgadas e os 90 Hz de frecuencia de pantalla. O seu procesador é un modelo de oito núcleos, aínda que neste caso un Qualcomm Snapdragon 695, tamén dispoñíbel en distintas configuracións de RAM e memoria interna.
Pódese adquirir con conectividade WiFi ou WiFI + 5G, e a súa batería ascende até os 7.040 mAh. Tamén mellora a súa cámara frontal, que pasa a ser de 5 MP, manténdose a principal nos 8 MP, como no modelo básico.
Dispoñibilidade e prezo
Ambas tablets están dispoñíbeis desde hoxe en tres cores (grafito, prata e azul mariño), malia que Samsung non confirmou os seus prezos finais.