Netflix elimina o plan Básico, obrigando a ver anuncios ou pagar máis

Os últimos cambios de Netflix, coa eliminación da posibilidade de compartir contas e unha importante suba de prezos, fixo que moitas usuarias decidisen baixar a súa subscrición ao Plan Básico, de 7,99 €/mes, no canto de subir á de 12,99 € euros, a primeira das opcións que permite o visionado en máis dun dispositivo á vez.

Porén, o Plan Básico deixará de estar dispoñíbel no noso país esta semana, manténdose as alternativas do plan Estándar con anuncios, por 5,49 €/mes e algunha limitación de contidos; o plan Estándar de 12,99 €/mes (que se mantén sen cambios, pero que podería non tardar en subir), e o Plan Premium (con reprodución 4K+HDR) por 17,99 €/mes.

Eliminación progresiva

Malia que aínda se pode contratar, e todo a pesares dos esforzos de Netflix por ocultar esta opción no proceso de contratación, este Plan Básico deixará de estar dispoñíbel para novas contratacións, así como tamén para as persoas que teñan suspendida a conta e pretendan reactivala, deixando como opcións pagar máis ou optar pola solución con anuncios.

Non se sabe con certeza que pasará coas usuarias que dispoñen actualmente do plan Básico de 7,99 €, máis todo parece indicar que poderán seguir con el activo, e mantendo a cota que pagan actualmente.

Na busca de anunciantes

Na actualidade, o 30% das novas altas en Netflix optan polo plan Estándar con anuncios, polo que os esforzos da compañía están a centrarse na busca de anunciantes que queiran contratar publicidade na plataforma.

Estes anuncios non aparecen en forma de banner na interface da plataforma, dificultando a navegación, senón que funcionan de xeito semellante aos de YouTube. Por cada hora de contido, reprodúcense uns 4 minutos de anuncios, xeralmente repartidos en 20 segundos iniciais e cortes de entre 60 e 80 segundos cada certo tempo.

Sobre o autor

Reply