O fabricante chinés Vivo vén de anunciar o Vivo Y200, un novo smartphone que chega para substituír ao Vivo Y00, cunha folla de características actualizada, aínda que iso si, sen grandes cambios. A principal diferenza entre os dous modelos témola no interior, onde o fabricante decidiu apostar por Qualcomm, no canto de empregar o chip de MediaTek.
O Vivo Y200 leva unha pantalla AMOLED de 6,67 polgadas. Trátase dun panel con resolución FullHD+ (2400 x 1080 píxeles), taxa de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 800 nits. No seu interior, como xa adiantamos, temos un procesador Qualcomm, concretamente o modelo Snapdragon 4 Gen 1 de 6 nm, que está acompañado dunha configuración única de 8 GB de RAM e 128 GB de memoria interna.
No apartado da fotografía, atopámonos cunha cámara principal dobre, formada por un sensor principal de 64 MP con f/1.79, e un segundo sensor de profundidade, de 2 MP e f/2.4. A súa cámara frontal é de 16 MP con f/2.0.
En canto ao sistema operativo, sae á venda con Android 13, malia que xa foi presentado Funtouch OS 14, baseado en Android 14, polo que con toda seguridade ha ser actualizado a esta nova versión nun futuro moi próximo.
Completando a ficha de características temos unha batería de 4.800 mAh de capacidade, con carga rápida de 44 W, así como conectividade 5G, Bluetooth 5.1 e un sensor de pegadas dixitais, que está situado baixo a pantalla.
Dispoñibilidade e prezo
Polo de agora o fabricante non confirmou nin a súa dispoñibilidade nin o prezo do dispositivo no noso país, mais na China xa se pode mercar en verde e dourado por uns 250 € ao cambio. Agardamos que proximamente teñamos información sobre a súa posta á venda no noso país, onde Vivo comercializa boa parte dos seus modelos.