Digi será a gran beneficiaria da fusión de Orange con MásMóvil

O 9 de marzo de 2022, Orange e Másmóvil anunciaron o seu acordo de fusión nunha “Joint Venture”, o que supón a creación da maior empresa en número de clientes do Estado. Movementos coma este implican a supervisión da Comisión Europea con dous obxectivos: evitar as subas de prezos e evitar tamén un empeoramento da calidade do servizo, ao verse reducida a competencia no sector.

A fusión de Orange e MásMóvil non afecta só a estas dúas marcas, senón tamén ao conxunto de operadoras que tantor Orange como MásMóvil foron adquirindo nos últimos anos. Entre estas marcas están Jazztel, Simyo, Yoigo, Pepephone, R, Telecable, Euskaltel, Virgin Telco, Lycamobile, Guuk, LlamaYa e Cable Móvil.

Pola súa gran afección ao mercado, a Comisión Europea impón a estas fusións unha serie de condicionantes, chamados “remedies”. Os remedies implican que a empresa que naza da fusión deberá desprenderse de elementos para facilitar a competencia, incluíndo clientes e elementos de rede.

Digi, a gran beneficiada

Desde que saltou a nova da fusión, Digi comezou a sonar como a principal beneficiaria destes remedies, algo que segundo apunta Reuters xa estaría encamiñado. Segundo apuntan, a operadora rumana tería sido a escollida por Orange e MásMóvil para venderlle os seus activos ao consumarse a fusión, e a Comisión Europea veríao con bos ollos.

Entre os remedies que recibiría Digi están parte das frecuencias de rede móbil (a de Yoigo), o que suporía que a empresa tería por vez primeira unha rede móbil propia, aínda que non será suficiente, e debería seguir mantendo acordos de roaming interno para completar a cobertura en todo o Estado. A Comisión Europea tamén obrigaría a que Digi tivese acceso prioritario á infraestrutura de Orange e MásMóvil , o que solventaría esa necesidade de acordo de roaming.

Por outra banda, tamén se fala de que recibiría “unha unidade de clientes” e unha marca, pero sen entrar en máis detalles. As grandes candidatas poderían ser Jazztel, Simyo ou Pepephone, sen descartar outras do total que ten o grupo.

Fusión completada antes de 2024

O reparto dos remedies é un dos grandes retos que ten o grupo Orange – MásMóvil cara a súa fusión, polo que despexada esta incógnita, o camiño semella máis doado.

As previsións apuntan a que a fusión de Orange e MásMóvil quedará pechada antes de final de ano, o que con toda seguridade implicaría un 2024 intenso na empresa resultante, para acomodar todas as marcas coas que traballa e trazar unha liña común.

Vía | Reuters.

Sobre o autor

No Responses

Reply