Novo Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, o procesador máis premium pensado para a IA

Onte Qualcomm presentou o seu último procesador para móviles, o Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3. Trátase dun modelo destinado á gama alta, que xa ten aparecido nas últimas semanas en numerosas filtracións dos modelos máis avanzados que están por vir, entre eles a serie Xiaomi 14, que se presenta mañá.

Pero Xiaomi non será o único. Fabricantes como Sony, OnePlus, Oppo, Honor, Redmi, Vivo, realme, Asus e ZTE, entre outros, tamén apostarán polo último chip fabricado por Qualcomm para os seus trebellos de gama alta.

No momento de auxe da intelixencia artificial (IA) que estamos a vivir, o novo procesador de Qualcomm sitúase como un actor principal para ofrecer o mellor a todos os niveis nos nosos dispositivos: isto afecta á conectividade, fotografía, mundo gaming, seguridade, rendemento gráfico, calidade de audio e eficiencia enerxética.

Máis velocidade e eficiencia

O novo Qualcomm Snapdargon 8 Gen 3 está deseñado en 4 nanómetros, e supón un importante avance sobre a xeración anterior – o Qualcomm Sanpdragon 8 Gen 2 – a todos os niveis. Por unha banda, a nova unidade NPU é un 98% máis rápida en rendemento bruto, e capaz de mellorar nun 40% a relación co consumo enerxético, permitindo aumentar considerabelmente a autonomía. Pero ademais, tamén resulta un 30% máis rápido ca versión anterior.

Isto ten unha aplicación directa nas ferramentas e asistentes virtuais baseados en IA, cos que poder interactuar a través da voz, texto ou imaxes. Qualcomm apunta a que pode dar soporte a máis de vinte modelos de IA xerativa, e que é capaz de xestionar máis de 10.000 millóns de parámetros directamente no dispositivo en cuestión de segundos.

A IA tamén ten un importante peso á hora de conseguir mellores fotografías, optimizando todos os valores conseguir uns resultados perfectos. O novo chip de Qualcomm pon nas mans dos fabricantes unha ferramenta moi potente para sacar o mellor das cámaras dos smartphones, como o soporte para cámaras de 200 MP capaces de gravar en 4K, a creación de composicións, ou avances na edición, como o soporte para a eliminación de obxectos nos vídeos.

Na conectividade, incorpora o primeiro módem 5G cun acelerador de hardware con IA integrado, permitindo mellores velocidades e solidez no enlace, ademais dunha mellora na precisión da ubicación para triangulacións.

Para as amantes dos videoxogos, o novo chip de Qualcomm inclúe unha GPU que consume un 25% menos, e que mellora empregando Ray Tracing, un sistema baseado en Unreal 5.2 que permite mellorar os gráficos dos xogos. Tamén soporta 240 FPS para pantallas de 240 Hz, ou a conexión con pantallas externas con resolución 8K grazas á funcionalidade Game Super Resolution.

O Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 súmase a outros procesadores, como o recén presentado Tensor de Google, que chegan para afrontar unha nova era nos smartphones: a da chegada da Intelixencia Artificial ao noso día a día. Desde logo Qualcomm fixo ben os deberes.

Sobre o autor

Reply