WhatsApp deixou de funcionar en varios móbiles Android e Apple

Se hai unha aplicación que está presente en – case – todos os móbiles, esa é WhatsApp. A aplicación de mensaxería, hoxe propiedade de Meta, é con diferenza a aplicación de comunicación máis empregada a nivel global, ofrecendo na actualidade funcionalidades como as chamadas, videochamadas ou transferencia de arquivos, entre outras.

Estas novas funcionalidades van chegando con cada nova actualización, ao tempo que estas actualizacións tamén implican que de cando en vez deixe de dar soporte a sistemas operativos que ficaron obsoletos, na meirande parte dos casos debido á imcapacidade para garantir a seguridade.

Este martes, 24 de outubro, WhatsApp deixou de funcionar nos modelos Android e Apple con sistemas operativos obsoletos, en concreto cos que teñen unha versión anterior a Android 5.0, ou a os que empregan iOS 10 ou iOS 11, como os iPhone 5 / 5c. No caso dos modelos de Apple, as usuarias que dispoñan dun iPhone 6 (ou posterior) poderán seguir empregando WhatsApp, sempre e cando teñan o seu dispositivo actualizado a iOS 12.

Este cambio non debería ter collido por sorpresa a ningún usuario de terminais incompatíbeis, xa que a propia aplicación foi enviando diversos recordatorios para facer o cambio a novas versións do sistema operativo (cando é posíbel actualizar). Naqueles casos nos que non é posíbel, as usuarias deberán cambiar de smartphone se desexan seguir empregando esta aplicación.

Sobre o autor

Reply