Vodafone vén de concluír con éxito unha proba piloto no futuro espectro móbil na banda superior da frecuencia de 6 GHz. A habilitación desta frecuencia para o uso comercial, garantirá que as usuarias poidan recibir servizos 5G máis rápidos e fiábeis na próxima década, ao tempo que se evitará a falta de capacidade móbil causada pola crecente demanda de datos.
Para realizar as probas, o equipo de enxeñaría de Vodafone empregou un terminal adaptado á banda espectral de 6 GHz, que estará dispoñíbel nos países europeos proximamente, conseguindo velocidades de descarga de até 5 Gbps, aproximadamente o dobre do que poden acadar as redes actuais en condicións óptimas. En ubicacións interiores, as velocidades medias acadadas foron de 2 Gbps, algo relevante se temos en conta que o 75% do tráfico móbil xérase no interior de fogares, áreas de traballo e espazos públicos interiores, como cafeterías, tendas, restaurantes ou ximnasios.
O estudo tamén serviu a Vodafone para demostrar que esta tecnoloxía pode acadar niveis de cobertura comparábeis cos das redes 5G actuais, pondo de manifesto que a banda pode despregarse dun xeito doado, rentábel e eficiente nos emprazamentos móbiles xa existentes, para obter un aumento da capacidade cando se agote o ancho de banda actual.
A necesidade de contar con máis espectro aumenta conforme o fai a demanda de ancho de banda. Vodafone apunta a un crecemento na demanda do 30% anual en toda Europa, conforme máis dispositivos e servizos (como vehículos, sensores de saúde…) precisan de conectividade 5G.
Probas en Madrid
Para realizar o estudo, Vodafone instalou equipos de 6 GHz nun emprazamento 5G de Madrid que cubre as oficinas de Vodafone e os seus arredores, incluíndo ubicacións interiores. Empregouse tecnoloxía de antena Massive MIMO, que xa se está a implementar actualmente para as redes 5G para enviar sinal ás usuarias de xeito individual, maximizando a súa calidade e minimizando as interferencias de rede.
Empregou unha canle de 200 MHz (a cantidade prevista de espectro que se poría a disposición de cada operador de telefonía móbil en cada país europeo), aproximadamente o dobre do ancho de banda empregado para os servizos 5G actuais, o que permite velocidades e capacidade máis alta para as redes 5G evolucionadas.
As probas interiores fixéronse en diferentes tipos de edificios e a varias distancias da antena, conseguindo en edificacións con fachada de cristal velocidades de 2 Gbps, mentres que noutros edificios públicos a uns 550 metros conseguíronse 500 Mbps (0,5 Gbps).