O2 ofrece TV, con Movistar Plus+ a prezo reducido

Logo de ter mellorado a súa tarifa móbil máis ambiciosa, O2 continúa a presentar novidades. A segunda marca de Telefónica, caracterizada por ofrecer plans e servizos baseados na simplicidade, vén de confirmar a súa aposta pola televisión, ofrecendo á súa clientela Movistar Plus+ a prezo reducido de maneira permanente.

Até hai uns meses, Telefónica ofrecía o seu servizo de televisión en exclusiva a través de Movistar. Porén, logo de terse convertido nunha plataforma con producións propias, decidiron abrir a contratación a calquera persoa, con independencia da súa operadora, un servizo que ofrecen por 14 €/mes.

A novidade chega agora a O2, ao permitir que as súas usuarias poidan acceder a este servizo de televisión, Movistar Plus+, cun desconto permanente de 2 euros ao mes, o que deixa a cota de televisión en 12 €/mes.

A través de Movistar Plus+, as usuarias poden acceder a unha chea de contidos, incluíndo as canles xeralistas, as autonómicas, canles de series (Fox, AXN, Warner, Calle 13, …), de documentais (National Geographic…), de cinema (Canal Hollywood, TCM, …) e de deportes. Tamén inclúe as canles exclusivas de Movistar, que ofrecen unha estrea de cinema ao día, documentais, series de produción propia (como Rapa), ademais de contidos deportivos.

Hai que ter en conta que a diferenza de Movistar, o servizo ofrécese sen o decodificador, polo que será preciso dispón dunha smartTV na que instalar a aplicación ou ben empregar un dispositivo tipo Chromecast. Ademais, as tarifas coas que se pode desfrutar de Movistar Plus+ con desconto dependen do código postal, e poden consultarse neste enlace, poñendo o de cadaquén.

O2 Cloud

O servizo de televisión non é o único de Movistar que ofrece na súa marca de baixo custo. Ofrecer espazo na nube para que as usuarias poidan gardar os seus arquivos e imaxes é algo que comezan a ofrecer algúns operadores, malia que moitas veces sen darlle suficiente protagonismo. Telefónica aposta por facelo en ambas marcas, Movistar e O2, aínda que con diferenzas.

Mentres que en Movistar a capacidade de almacenaxe nesta nube é ilimitada, en O2 Cloud sitúase nos 500 GB, e está dispoñíbel para a clientela de produtos converxentes fibra e móbil. Dispón de aplicacións para Android e Apple, ademais de acceso desde o computador.

Sobre o autor

Reply