Todas coñecemos a Xiaomi, pero poucas persoas saberán que esta empresa, que experimentou un crecemento espectacular nos últimos 13 anos, pasou de ter 100 usuarios a aproximadamente 1.175 millóns en todo o mundo, e un catálogo de produtos que actualmente está formado por máis de 200 categorías. Por iso unha das maiores dificultades que afrontou a compañía nestes anos foi a de traballar cunha gran variedade de sistemas operativos diferentes nos seus dispositivos, cos problemas de interoperabilidade entre ecosistemas que iso supón.
Por iso un dos retos que se marcou Xiaomi foi a de crear un novo sistema operativo, Xiaomi HyperOS, que leva en desenvolvemento desde o ano 2017. HyperOS nace coa pretensión de unificar todos os dispositivos do ecosistema cun único software, garantindo unha experiencia de usuario coherente, e facilitando a conectividade perfecta entre todos os seus dispositivos.
O núcleo de Xiaomi HyperOS está formado por Linux e o sistema Xiaomi Vela, desenrolado por Xiaomi. A súa capa subxacente é compatíbel con máis de 200 plataformas de procesador, e máis de 20 sistemas de arquivos estándar, cubrindo así centos de tipos de dispositivos e milleiros de SKU. Ademais, permite a configuración, funcionamento e despregamento flexíbel en función dos requirimentos hardware, con capacidade para traballar con tamaños de RAM desde os 64 KB até os 24 GB,
Xiaomi tamén apostou por crear un sistema operativo lixeiro, de maneira que nos smartphones ocupa 8,75 GB, e que ademais ofrece unha mellor xestión dos recursos para conseguir un menor consumo de enerxía, en comparación con outros sistemas operativos moi personalizados.
Conectividade
Para unha marca con 200 familias de produtos, a busca de interconectividade resulta fundamental. Por iso, HyperOS emprega no seu núcleo un marco de Conectividade Intelixente Cross-End chamado HyperConnect, que facilita a conexión en rede en tempo real entre un amplo número de dispositivos. Deste xeito, co centro de dispositivos conectados, pódese supervisar e xestionar sen esforzo os dispositivos interconectados desde calqeura lugar.
Ademais, harmoniza todos os dispositivos conectados, permitindo que o software se adapte ás necesidades de cada usuaria: cambia as fontes da cámara durante unha videoconferencia, accede ás cámaras do coche desde o teléfono, accede á cámara traseira do smartphone mentres emprega unha tablet ou un portátil ou conecta a tablet a Internet a través do smartphone. Ademais, os contidos do portapapeis e as notificacións pódense mover sen esforzos entre dispositivos.
Facilidades para o mundo IoT e IA
HyperOS tamén a posta pola Internet das Cousas (IoT), un campo no que Xiaomi está a ofrecer múltiples dispositivos conectados. Para iso emprega HyperMind, un centro cognitivo do ecosistema Xiaomi, que aporta conexións entre dispositivos
HyperMind emprega as catro capacidades perceptivas dos dispositivos (entorno, visión, son e comportamento) para aprender os requirimentos dos usuarios e adaptar automaticamente os dispositivos ás súas necesidades. Por exemplo, se ao abrir a pechadura da porta da casa (intelixente) acendemos a luz, HyperMind aprenderá a rutina e faráo de xeito automático.
Se falamos de Intelixencia Artificial (IA), o asistente Xiaomi AI Assistant ofrece acceso directo ás capacidades de xeración de texto, permitindo xerar discursos ou o resumo de artigos. Tamén dispón dunha función de subtítulos en tempo real, así como de transcrición das conversas dunha videoconferencia en notas.
Open-Sharing
Por último, cómpre destacar que Xiaomi HyperOS adhírese ao principio de código aberto, alimentando un ecosistema de software aberto, e abrindo a porta á co-construción e posta en común para seguir avanzando no sistema.