Ao longo dos seus 51 anos de historia, HBO foi adaptándose aos cambios. Naceu como a primeira canle de televisión por cable e satélite, e hoxe é unha das grandes compañías de streaming, xunto con marcas como Netflix, Prime Video ou Disney+.
Logo de terse transformado en HBO Max, froito da unión de HBO con Discovery+, a compañía está a afrontar unha nova actualización cara ser Max, cambio que xa iniciou nos Estados Unidos, aínda estando pendente a data da súa chegada a Europa. Porén, aínda que non temos unha data concreta, si que foi adiantado que será a comezos da primavera de 2024.
O anuncio fíxoo Gerhard Zelier, presidente internacional de Warner Bros, durante a feira de mostras MIPCOM de Cannes. Precisamente a incorporación de contidos de Warner será unha das novidades de Max, xunto coa retransmisión de eventos en directo. Polo demais, as usuarias atoparán poucos cambios significativos, e poderán seguir a desfrutar de todo o contido incluído nas suscricións de HBO Max actuais.
Política de prezos
Malia que os prezos do novo servizo Max aínda non foron confirmados, se botamos un ollo ás opcións que ofrece nos Estados Unidos podemos ver que se están a comercializar tres plans: un con anuncios, e dous sen eles.
- MAX AD-LITE: 9,99 $/mes ou 99,99 $ para pago anual.
- MAX AD-FREE: 15,99 $/mes ou 149,99 $ para pago anual.
- MAX ULTIMATE AD FREE: 19,99 $/mes ou 199, 99 $ para pago anual.
Os plans AD-LITE e AD-FREE permiten dúas reproducións simultáneas e contidos en 1080p, un con anuncios, e outro sen anuncios, e ademais coa posibilidade de descargar até 30 películas e episodios para ver sen conexión. Pola outra banda, o plan MAX ULTIMATE permite até catro retransmisións simultáneas en 4K, son Dolby Atmos e 100 descargar mensuais para contidos sen conexión.
Haberá que agardar ao anuncio oficial de MAX no noso país para descubrir como se trasladan os prezos de Estados Unidos á zona euro.