Porsche aposta por Android Automotive nos seus coches

Un recente estudo levado a cabo nos Estados Unidos deixou claro que as usuarias dos vehículos prefiren empregar Android Auto durante os seus traxectos fronte o sistema incluído polo fabricante. Isto débese porque ao ter unha interface semellante ao smartphone, resulta moito máis intuitivo acceder ás aplicacións necesarias durante a condución, principalmente apps de navegación, teléfono e entretemento (música).

Se ben é certo que a meirande parte dos fabricantes xa inclúen a compatibilidade con Android Auto e Apple Carplay, para aproveitar as pantallas que inclúen nos seus vehículos e que as usuarias poidan ter unha extensión do seu teléfono mentres conducen, non hai que perder a perspectiva de que estas aplicacións son limitadas, pois non teñen acceso a todas as configuracións dos seus vehículos.

Android Automotive

De aí xurde Android Automotive, que non debe ser confundido con Android Auto. Android Automotive vai un paso máis alón, sendo un sistema operativo completo que se instala no vehículo, e que funciona con independencia de que teñamos ou non o noso teléfono conectado.

Isto permite, ademais de facer uso das apps habituais das que falabamos antes, que o sistema Android Automotive sexa o responsábel de configurar o hardware completo do coche, e que teñamos aplicacións de Google preinstaladas, como Google Maps, Google Asisstant ou a propia Play Store, para poder instalar outras novas.

Porsche e Android Automotive

O último fabricante en apostar por Android Automotive é Porsche, que vén de anunciar que vai empregar este sistema en todos os seus novos modelos, ao igual que xa fai BMW. A aposta destas marcas tan relevantes supón un importante apoio ao sistema operativo, o que implicará que haxa máis fabricantes que se sumen á aposta.

Con todo, Porsche tamén confirmou que personalizará a experiencia Android Automotive na estética, para manter unha interface semellante ao sistema Porsche Communication Management (PCM) qu está a empregar nos sistemas actuais.

Sobre o autor

Reply