MediaTek anunciou esta mañá o seu novo chip móbil, o Dimensity 9300, que conta cun deseño All-Big-Core, unha configuración que combina un gran rendemento coa eficiencia enerxética, pensando en ofrecer unha boa experiencia de usuario en xogos, captura de vídeo e procesamento mediante ferramentas de intelixencia artificial (IA) xerativas.
Trátase do chip máis potente do fabricante até o momento, baseado no proceso de 4 nm de terceira xeración (catro núcleos Arm Cortex-X4 con velocidades operativas de até 3.25 GHz, e outros catro núcleos Cortex-A720 que operan até 2.0 GHz), e inclúe o procesador de IA APU 790, que duplica o rendemento das operacións de punto flotante e enteiro ao tempo que reduce o consumo enerxético nun 45%. A súa velocidade é oito veces superior á xeración anterior, e combinado co hardware de compresión de memoria NeuroPilot pode empregar de maneira máis eficiente o ancho de banda da memoria.

En canto aos xogos móbiles, coa última GPU insignia de Arm (a Immortalis-G720), o novo procesador de MediaTek potencia a experiencia de xogo, ofrecendo un aumento de case un 46% no rendemento da GPU co mesmo nivel de enerxía ca o Dimensity 9200. Ademáis, os teléfonos dotados deste chip, poderán ofrecer efectos de iluminación global semellante ao dunha consola, cunha fluidez de 60 FPS.
Se falamos de fotografía e captura de vídeo, o chipset admite modo cinematográfico 4K a 30 fps con seguemento de bokeh en tempo real para melloras deste efecto de desenfoque, ofrecendo unha calidade semellante á profesional. Tamén reduce o ruído AI 4K (AI-NR) e procesamento AI en fotos e vídeos RAW, así como o novo formato Ultra HDR en Android 14 para a nova xeración de teléfonos intelixentes.
Por último, o módem 5G R16 admite 4CC-CA en Sub-6 GHz e 8CC-CA en mmWave, coa tecnoloxía UltraSave 3.0+ de MediaTek. Isto fai que sexa compatíbel coas redes 5G máis rápidas, ao tempo que permite aforrar batería nos dispositivos, ao mellorar substancialmente a eficiencia enerxética.
Dispoñibilidade do MediaTek Dimensity 9300
Está previsto que os primeiros teléfonos intelixentes dotados co novo procesador MediaTek Dimensity 9300 cheguen ao mercado a finais de 2023. Entre os fabricantes que empregarán este chip están OPPO e vivo, este último estreándoo coa serie X100.
Máis info | MediaTek