O Xiaomi Watch 2 Pro xa está dispoñíbel no noso país

Xiaomi vén de poñer á venda no noso país o seu novo smartwatch, o Xiaomi Watch 2 Pro, un dispositivo que chega para ampliar o catálogo de reloxos intelixentes da marca. Dispoñíbel en versión Bluetooth e versión e-SIM, o novo trebello de Xiaomi pode adquirirse na tenda online do fabricante, así como en Amazon.

O Xiaomi Watch 2 Pro destaca pola combinación de rendemento ultrarrápido, batería de longa duración, unha pantalla mellorada e un deseño que satisfai as necesidades de saúde e forma física, posicionando como un dos máis completos dos que ten a compañía.

No seu interior leva o procesador para wearables Snapdragon W5 + Gen 1 de Qualcomm, que ofrece conectividade até LTE (na versión eSIM). Para quen fai deporte, a precisión proporcionada polo GNSS de dobre banda, garante un seguimento máis preciso dos adestramento, sumado á capacidade para proporcionar unha análise exhaustiva do adestramento e estatísticas de máis de 150 modos de deporte.

Malia que Xiaomi presentou hai uns días o seu propio sistema operativo (HyperOS), o Watch 2 Pro emprega Wear OS de Google, que integra un conxunto de aplicacións populares de Google, incluíndo o moedeiro dixital Google Wallet, Google Maps e Google Assistant, así como unha ampla gama de capacidades de seguimento de saúde e fitness.

O seu deseño destaca por contar cunha carcase de aceiro inoxidábel combinada cunha correa de pel ou unha correa de caucho fluorado (a escoller). Leva unha coroa xiratoria, un botón de acceso directo e unha pantalla AMOLED de alta resolución, con tamaño 1,43 polgadas, na que se poden elixir máis de 20 esferas entre as preinstalada para aumentar a capacidade de personalización.

Dispoñibilidade e prezo do Xiaomi Watch 2 Pro

O novo Xiaomi Watch 2 pro xa se pode mercar a través da páxina oficial de Xiaomi e de Amazon por 269,99 €, na versión Bluetooth, e por 329,99 € na versión que tamén inclúe conectividade eSIM.

Proximamente está prevista a chegada ao resto de canles.

Sobre o autor

Reply