Xiaomi estrea proxector compacto con 4K e HDR10+

Xiaomi vén de anunciar e poñer á venda na China o seu novo proxector. Trátase do Xiaomi Youth Edition 2S, unha versión mellorada do modelo anterior, que se actualiza para incluír novas funcionalidades, mantendo un aspecto externo idéntico.

O que máis destaca deste proxector é o seu tamaño compacto, cun deseño que resulta moi axeitado tanto para persoas que queiran empregalo en múltiples localizacións e teñan que andar cargando con el, como tamén para integralo en oficinas ou vivendas de maneira sutil.

Da súa ficha de especificacións destaca a posibilidade de acadar a resolución 4K, cunha óptica capaz de proporcionar até 500 lúmenes. Ademáis tamén dispón de soporte para contidos HDR10+ e algoritmos que lle permiten mellorar a calidade de imaxe apoiándose na intelixencia artificial.

Novo proxector Xiaomi

O sistema de audio está formado por dous altofalantes incluídos de rango completo certificados por Dolby, e como conexións ten un porto HDMI 2.0, un USB 3.0, unha toma tipo jack de auriculares de 3.5 mm., WiFi 5 e Bluetooth 5.0. Par afacer que todo funcione leva un procesador Amlogic T982, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de almacenaxe interna.

Dispoñibilidade e prezo

O novo proxector Xiaomi Youth Edition 2S xa se pode mercar na China por pouco máis de 300 € ao cambio, un prezo moi atractivo para un dispositivo destas características. Polo de agora descoñécese se o fabricante ten previsto comercializalo de maneira global, aínda que todo apunta a que si que o fará.

Sobre o autor

Reply