As operadoras Rede Aberta e Avatel son as dúas operadoras beneficiarias das axudas para acelerar o despregamento de fibra óptica en Galiza, ao abeiro do Plan Único, que este 2023 cumrpre a súa terceira edición. Estas axudas están destinadas a que as operadoras leven as conexións de fibra con velocidades mínimas de 300 Mbps, escalábeis a 1 Gbps, a lugares onde por diferentes motivos -principalmente os económicos- as operadoras renunciaron a despregar.
A operadora neutra Rede Aberta será a encargada dos despregamentos para chegar a 8.999 vivendas na Coruña, e 14.718 en Pontevedra, un orzamento financiábel de preto de 16 millóns de euros. Pola súa banda, Avatel levará a fibra a 8.303 vivendas de Lugo e 5.393 de Ourense, con preto de 8 millóns de euros financiábeis.
No conxunto do Estado, Avatel posiciónase como a operadora máis beneficiada, pois ademais das dúas provincias galegas (Lugo e Ourense) tamén será a responsábel dos despregamentos con base a estas axudas noutras 32 provincias, sumando un total de 180.000 unidades inmobiliarias e unha subvención de preto de 62 millóns de euros.
Adamo, outra das operadoras beneficiarias destas axudas, levará a fibra a vivendas de 8 provincias, e MásMóvil a 5. Completan o mapa cunha provincia asignada cada unha as operadoras Redi (Alacant), Asteo (Segovia) e Movistar (La Rioja).