Vén de pasar polas nosas mans o Sasmsung Galaxy Z Flip5, o último modelo dos dispositivos encartábeis de Samsung con formato cuncha. Un dispositivo que segue a captar todas as miradas, malia que cada vez é máis habitual ver pola rúa os dispositivos deste tipo, tras os primeiros modelos do fabricante surcoreano.
Xa tiña probado outros modelos da serie Flip, e durante algo máis dun ano usei tamén ou Galazy Z Fold3 como dispositivo persoal. E coido que aínda que no estético non se aprecien grandes novedades, que si que as ten, hai aspectos que están a amosar a madurez que está collendo Samsung nesta liña de produto cada vez máis destacada. Coñezámolo máis a fondo.
Deseño e acabados
Comecemos falando de deseño. Este é quizais o aspecto menos evolucionado respecto ás versións anteriores do Flip. Mais isto non é algo malo. A diferenza dos antigos móbiles tipo cuncha, que admitían diversidade no deseño (tamaños, formas dos teclados, estética externa, ubicación das antenas….), agora todo se centra nunha pantalla de grandes dimensións no interior e en resultar compactos no exterior, polo que a capacidade de innovar en deseño limítase. Isto non é algo que lle pase só a Samsung, xa que o resto de dispositivos presentados por outros fabricantes seguen a mesma estética dos Flip.
Con todo, atopamos diferenzas en dous aspectos que resultan fundamentais neste tipo de dispositivos: as pantalla externa e interna, e a bisagra que permite que o terminal poida encartarse sobre si mesmo.
En canto á pantalla interna, segue a notarse a enruga ao tacto, pero resulta infinitamente máis sutil ca en modelos anteriores. Entendemos tamén que isto é un problema menor, ao fin e ao cabo é algo ao que te acostumas de xeito doado. Non nos parece que resulte molesta ao usar o dispositivo, pero si que destaca se se olla cunha perspectiva non liñal, polo que é un tema bastante anecdótico. A pantalla externa gaña protagonismo na parte frontal do dispositivo (e se agradece), contando coas dúas cámaras principais e o flash na parte superior esquerda.
Pola súa banda, o tema das bisagras é algo que dá para falar moito. Todos os fabricantes presumen de que a súa tecnoloxía de bisagra é superior á da competencia e, en certos aspectos, todos teñen un pouco de razón. Ao fin e ao cabo, cada unha destas tecnoloxías ten as súas vantaxes e inconvintes en aspectos como a complexidade, o peso, a resolución dos problemas de limpeza, étc.
A bisagra do Flip Z5 pareceunos que resolve moito mellor o principal problema achacábel a outros dispositivos de Samsung anteriores, ao reducir a sensación estética de “apertura” ou de falta de simetría vista desde o lateral ao estar o dispositivo pechado. Ademais, ofrece unha sensación de robustez excelente, non tanto polo “esforzo” que hai que facer para abrir o dispositivo, senón porque ao facelo non semella que a integridade do dispositivo vaia correr perigo. E ollo, aínda que se pode abrir cunha soa man, non é algo que recomende.
Os botóns sitúanse no lateral dereito do dispositivo, nunha parte superior os controis de volume e por baixo o de acendido, que á vez é tamén o lector de pegadas dixitais. Acostumado a usar no meu día a día un Galaxy S22 Ultra, a sensación foi que os botóns de control de volume están algo máis arriba do que resulta 100% cómodo (para a miña man) cando está aberto, pero entendemos que é porque resulta complicado definir un lugar axeitado e cómodo de todo para ambos usos do dispositivo, xa que pregado está cómodo. Na parte inferior do dispositivo temos o conector USB-C e tamén o altofalante.
Outro punto a destacar é que a bisagra do Z Flip5 conta con certificación IPX8, o que garante a súa resistencia á auga. Porén, non así ao pó, algo que aínda resulta un reto no deseño de futuros modelos deste tipo.
En canto aos materiais, Samsung volveu apostar pola combinación de cristal e metal, resultando un dispositivo elegante e frío ao tacto, dando unha sensación realmente agradábel de usar.
Hardware e rendemento
O Samsung Galaxy Z Flip5 está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2 for Galaxy, unha versión vitaminada do Snapdragon 8 Gen 2 exclusiva para Samsung, que tamén leva a serie Galaxy S23. Xunto el, 8 GB de memoria RAM e dúas opcións para a memoria interna, 256 ou 512 GB. A súa conectividade vén dada polo 5G, WiFi 6E, Bluetooth 5.3 e NFC para pagos móbiles.
O rendemento é superlativo, o procesador compórtase moi ben ante as tarefas máis esixentes, e isto implica unha experiencia de usuario óptima para mover calquera tipo de aplicación ou xogo. Porén, se levamos o móbil ao extremo, acusa un quecemento importante debido á dificultade que ten para disipar a calor, ao ter un deseño que obriga a condensar as diferentes compoñentes.
Pantallas
Como xa adiantamos, o Galazy Z Flip5 integra dúas pantallas, unha interna (a que é capaz de encartarse sobre si mesma) e outra externa, que gaña protagonismo.
A pantalla interna é un panel Dynamic AMOLED 2X de 6,7 polgadas, con resulución FullHD+ de 2640 x 1080 píxeles e cunha a relación de aspecto de 22:9, un pouco máis alongada do que vén sendo habitual nos smartphone estándar, debido a que cando está pechada é preciso manter unha estética cadrada do terminal. Para a meirande parte das aplicacións, como redes sociais ou o correo electrónico, isto permite ver algo máis do feed dun vistanzo, mentres que para consumir vídeos e outros contidos multimedia adoita suplementarse o espazo mediante as típicas barras laterais negras.
A pantalla vén cunha pequena película protectora, semellante aos protectores de pantalla que algunhas persoas instalan nos seus dipositivos, pero que neste caso vén de serie e que debe manterse, xa que é o que protexe de roturas.
Ofrece un brillo de 1750 nits, o que permite unha visualización óptima en exteriores, e o abano de cores pode seleccionarse manualmente. Por defecto veñen cun modo Intenso que ofrece unhas cores vivas e agradábeis, pero tamén se pode optar por unha versión Natural, que os apaga un pouco.
Pola súa banda, a pantalla externa é un panel Super AMOLED de 3,4 polgadas e resolución 748 x 720 píxeles, así como unha taxa de refresco de 60 Hz. Está pensada principalmente para que se poida acceder a notificacións, ofrecer funcionalidades extra de cámara ou videochamada e instalar widgets con acceso a datos de aplicacións.
Desde o apartado de configuración da pantalla externa pódese activar a función Labs de Samsung, que permite ir máis aló dos widgets, o que fai posíbel que se poidan empregar algunhas aplicacións na pantalla externa como Google Maps de maneira experimental.
Se queremos ir un paso máis aló e levar a esta pantalla calquera aplicación, debemos de empregar aplicacións de terceiros como Good Look, se ben é certo que a experiencia con moitas das apps non e axeitada, e imaxinamos que isto é o que fai que Samsung dificulte facer uso delas.
Cámara
Falemos de fotografía. Malia que estamos a falar dun dispositivo de gama alta, Samsung está a marcar a diferenza entre a serie Galaxy S e a Galaxy Z, na que se inclúen os terminais encartábeis. Nesta serie Z o principal non é a fotografía, e aínda que estamos ante unhas cámaras que resolven moi ben, os resultados non son como os dos Galaxy S, nos que a fotografía é un dos aspectos fundamentais.
O Galaxy Z Flip5 aposta por integrar dobre cámara traseira, un sensor principal de 12 MP con f/1.8 e estabilizador óptico, e un gran angular tamén de 12 MP, aínda que con apertura f/2.2. A cámara interna é de 10 MP, con apertura focal f/2.2.
A continuación déixanse algunhas imaxes de mostra, empregando a cámara en diferentes escenarios e condicións.
Software
Partindo de Android 13 coa interface Samsung One UI 5.1.1, o Galaxy Z Flip5 é un dos dispositivos que inminentemente vai recibir a actualización a Android 14. Canto temos o móbil completamente aberto, estamos ante un móbil Samsung estándar, xa que as diferenzas témolas nalgunhas funcións extra, como as que teñen que ver coa cámara ou co uso da pantalla externa, por exemplo.
Se temos a cámara aperta e pechámolo un pouco, por exemplo adoptando os 120 graos, automaticamente a cámara pasa a estar na parte superior (formato cadrado), o que nos permite sacar selfies co dispositivo colocado sobre unha superficie plana. Esta función tamén ten moito sentido cando se emprega para videochamadas, xa que resulta moi cómodo poñer o teléfono sobre unha mesa mentres convesamos.
Porén, non todas as aplicacións son compatíbeis a priori con este chamado “Modo Flex”, xa que do mesmo xeito que non podemos abrir de primeiras calquera app na pantalla externa, Samsung tampouco parece que queira ofrecer este modo para apps que non estean 100% adaptadas. Con todo, neste caso pódese activar premendo unha icona que aparece para a ocasión.
Sacando este modo Flex e as opcións que vimos para a pantalla externa das que xa falamos anteriormente, o resto de características software son as equivalentes a calquera modelo de Samsung.
Batería
A batería do Samsung Galaxy Z Flip5 ten unha capacidade nominal de 3.700 mAh, con carga por cable de 25W (bastante máis lenta que a que ofrecen outros modelos da marca), e tamén carga sen fíos a 15W e carga sen fíos inversa de 4,5 W.
A súa autonomía é dun día completo, conseguindo algo máis de catro horas de pantalla para uso mixto, que inclúe chamadas, uso de apps de mensaxería e redes sociais, visualización de vídeos e uso da cámara.
Neste aspecto botamos de menos melloras na carga rápida, xa que cargar a metade da batería leva unha hora, un tempo bastante elevado para o que estamos acostumados hoxe en día na meirande parte dos smartphones de gama media – alta e alta actuais.
Conclusións
Logo de estar probando o Samsung Galazy Z Flip5 como móbil habitual durante dúas semanas, a conclusión principal é que Samsung está a facer un bo traballo con esta liña de dispositivos, refinando aspectos que xa eran bos, como o deseño ou a pantalla, con especial mención pola súa novidade á mellora da pantalla externa para dotala de máis utilidade.
Nos puntos a mellorar están a autonomía, non tanto pola súa capacidade, senón pola necesaria adaptación aos tempos de carga rápida; e á cámara, onde podería facerse máis no camiño de conseguir o móbil (case)perfecto.
O deseño e a súa versatilidade son aspectos que nos encantan deste tipo de dispositivos, e o Galaxy Z Flip5 resulta un modelo cómodo e fermoso, que sen dúbida podemos recomendar.
Pódese mercar a partir de 1.199 €, e como curiosidade, na páxina oficial está á venda de maneira promocional a versión de 8 + 512 GB a ese prezo, máis barato que os 1209 € que custa a versión con 256 GB.