vivo anunciou onte a nova serie X100, formada polo vivo X100 e o vivo X100 Pro, dous modelos que chegan para ser os actuais dispositivos de referencia da compañía. Están equipados co procesador MediaTek Dimensity 9300, anunciado hai uns días, e destacan especialmente polas súas capacidades fotográficas. Ambos modelos resultan extremadamente semellantes, até o punto de que as diferenzas atopámolas na capacidade de batería e nalgunha das lentes empregadas na cámara principal.
Tanto o X100 como o X100 pro incorporan unha pantalla AMOLED de 6,78 polgadas, con resolución 2800 x 1260 píxeles, taxa de refresco de 120 Hz e un pico de brillo de 3000 nits. No interior, ademais do procesador MediaTek Dimensity 9300 (que compite directamente co Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3), temos diferentes configuracións de RAM (12 ou 16 GB) e de capacidade de memoria interna (256 GB, 512 GB ou 1 TB).

O X100 Pro conta cunha cámara principal ZEISS de 1 polgada de 50 MP, unha cámara teleobxectivo flotante ZEISS APO de 50 MP e unha cámara súper gran angular de 50 MP. O seu deseño establece un novo punto de referencia cunha apertura f/2.5 para gararntir unha alta calidade de imaxe en diversos entornos, mesmo en 6X e 10X. O X100 vén cunha cámara principal VCS True Color de 50 MP, unha cámara teleobxectivo ZEISS de 64 MP e unha cámara super gran angular de 50 MP.
Se ben o modelo “Pro” conta cunha batería de maior capacidade, 5.400 mAh, a velocidade de carga é de 100 W (50W no caso da carga sen fíos), fronte os 5.000 mAh e velocidade de 120 W do modelo estándar (sen carga rápida). Ambos dispoñen conectividade mediante WiFi5, Bluetooth 5.4 e NFC.

Dispoñibilidade e prezo
Ambos os dous modelos da serie estarán dispoñíbeis para mercar en dúas cores, azul e negro, malia que de momento só no mercado chinés. Imaxinamos que proximamente sexa anuncia a súa chegada ao continente europeo.
No país asiático, o vivo X100 pódese adquirir nas configuracións de 12 + 256 GB ou 16 + 512 GB, mentres que o vivo X100 Pro está dispoñíbel con 16 + 512 GB.
