Movistar permitirá convertir a SIM en eSIM sen custe

Cada vez é máis habitual que as operadoras dispoñan de eSIM, malia que é algo que debemos confirmar previamente a contratar os servizos se desexamos optar por esta opción, ben para usala no noso móbil ou ben para o noso wearable. Polo de agora, as eSIM funcionan só en modelos iPhone, os alta gama de Samsung, os Pixel ou algúns Xiaomi, entre outros, ademais de en varios smartwatch, entre eles algúns modelos de Samsung e Apple.

A eSIM é unha tarxeta SIM virtual, é dicir, software. Isto fai que non sexa necesario abrir unha bandexa no noso móbil para introducir unha tarxetiña cun chip, xa que a súa configuración é tan sinxela como escanear un código QR cos datos da eSIM ou introducir o seu código de maneira manual.

Isto ofrece innumerábeis vantaxes, tanto desde o punto medioambiental (ao evitarse a fabricación e envío de tarxetas), como do económico (gastos de transporte), como o da comodidade. Ademais, aquelas persoas que viaxan a países do extranxeiro cos que non hai acordo de roaming, poden contratar os servizos dunha compañía local de maneira inmediata no móbil, e activalo en poucos pasos para poder conectarse durante a estancia.

eSIM de Movistar

Malia as vantaxes que enumeramos das eSIM, algunhas operadoras aínda arrastran certos hábitos do uso de SIM físicas. Precisamente unha das queixas das usuarias de Movistar é que aquelas persoas que desexan facer o cambio da súa tarxeta SIM estándar a eSIM son enviadas a unha tenda física, onde lles entregan un cartón co código QR, e ademais pagan 14,50€ polo cambio (noutras compañías o proceso é 100% a distancia, e o envío dos códigos por email).

eSIM Apple

Isto semella que vai cambiar en breve, dado que os fabricantes de smartphones están a implementar funcións para virtualizar a SIM física en eSIM, e tamén trasladala a un novo dispositivo, por exemplo, cando cambiamos de teléfono.

A próxima versión do software dos iPhone, iOS 17.2, inclúe esas dúas funcionalidades: “eSIM Quick Transfer” e “Convertir en eSIM”. A primeira está pensada para trasladar a eSIM dun móbil a outro, e a segunda, destinada a converter os datos da SIM física nun perfil eSIM, aforrando ademáis o custe que impón a operadora.

A versión iOS 17.2 aínda está en beta, pero varios usuarios xa confirmaron que funciona con Movistar, o cal supón un importante avance para que o cambio a eSIM, e o seu uso, vaia sendo cada vez máis habitual.

Sobre o autor

Reply