En plena guerra de prezos á baixa no sector das telecomunicacións, dúas das grandes operadoras teñen confirmado xa unha suba de prezos, que aplicarán a partir do mes de xaneiro en todas as súas tarifas. Son Vodafone e Movistar.
Vodafone, que recentemente vén de ser mercada polo fondo de inversión Zegona e cuxo futuro virá protagonizado por cambios importantes, subirá un 4,38% todas as súas tarifas en xaneiro de 2024, de acordo co IPC. Quedan excluídas desta suba as usuarias que teñen descontos e promocións, así como os bonos sociais e as que están a empregar os servizos da compañía a través de Lowi.
A diferenza da actualización anterior, desta vez as usuarias non terán dereito a solicitar a finalización do contrato (o que liberaría de permanencias en caso de querer cambiar de compañía), dado que no 2022 introduciu unha cláusula nas condicións dos contratos que lle permite aplicar anualmente unha suba equivalente ao IPC.
En media, as clientas de Vodafone con servizos de móbil verán incrementada a súa cota nuns 80 céntimos, mentres que os de plans converxentes uns 2,50 € ao mes, ao que habería que engadir tamén o IVE.
Na mesma liña, Movistar está a avisar á súa clientela do incremento de prezos a partir do 15 de xaneiro, menos para as persoas que están a desfrutar de promocións ou para clientes de O2, que continuarán coas mesmas condicións.
En media, as antigas tarifas Fusión suben 4 €, as actuais miMovistar 3 € e o servizo de televisión Movistar Plus+ 1 €. Tamén sube 0,10 € o prezo do establecemento de chamadas nas tarifas que aínda o cobran, situándose nos 50 céntimos. En calquera caso, as usuarias de Movistar afectadas si que poden resolver o contrato.
Xustificación da medida
Ambas compañías coinciden en xustificiar a medida no incremento das inversións para impulsar o despregamento das redes de última xeración 5G e fibra, así como tamén no crecemento do tráfico de datos.
Vodafone tamén destaca o aumento dos prezos da enerxía, custes, servizos e proveedores, como causas do “impacto no negocio”.