Recentemene demos conta dos movementos de Starlink, o servizo de Internet satélite de SpaceX, para reducir o custe do servizo mensual, que fica nos 49 €/mes, 50 € menos ca o que tiña no momento do seu lanzamento. Agora a empresa presenta un novo kit para o acceso ao seu servizo, cunha antena simplificada e un router mellorado.
A terceira xeración do kit de conexión está composto por un panel de antena co seu soporte, o rotuer, unha fonte de alimentación con PoE e dous cables, un de rede e outro de alimentación, con conectores herméticos que lles permiten traballar á intemperie.
A nova antena elimina o mecanismo motorizado de orientación automático, reducindo os custes de fabricación e resultanto máis lixeira (uns 3 kilogramos), e se pode colocar horizontalmente ou cun pequeno soporte para orientala aos satélites. Este proceso de orientación realízase coa aplicación para garantir o acceso ao maior número de satélites.
Nos datos técnicos da antena atopamos que o seu consumo enerxético é algo superior, pasando do rango dos 50-75W que consumía a anterior a uns 75-100W deste modelo, pero a cambio a súa protección ambiental pasa a ser IP67, fronte IP54 do anterior, unha mellora bastante notoria.
No kit tamén atopamos novidades co router, que incorpora WiFi 6, ao tempo que recupera o acceso ao conector RJ45, para quen desexe unha conexión directa por cable. As súas antenas son MIMO 4×4, mellorando a cobertura no interior das vivendas.
Dispoñibilidade e prezo
O novo kit de Starlink de momento non se comercializa no noso país, onde segue dispoñíbel a opción anterior, que ten un custe de 450 €, mais nalgúns mercados aparece por 200 €, un prezo máis asequíbel e interesante para todas as persoas que desexan contratar unha conexión vía satélite.