Xiaomi anunciou onte a dispoñibilidade dun novo modelo da súa marca POCO no noso país, caracterizada por ofrecer características destacábeis a prezos contidos. Así é tamén o novo POCO C65, a última incorporación da popular serie C de POCO, que promete características destacadas en cámara, procesador e batería.
O POCO C65 está equipado cunha pantalla LCD de 6,74 polgadas HD+, con taxa de refresco de 90 Hz e brillo de 600 nits. No seu interior leva un procesador MediaTek Helio G85, xunto con 6 ou 8 GB de memoria RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna, en ambos os casos ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade.
Entre os seus puntos fortes está o apartado fotográfico, onde destaca unha cámara principal traseira de 50 MP, con f/1.8, que está acompañada dunha segunda cámara macro de 2 MP con f/2.4. Na parte frontal, para os autorretratos, leva unha cámara de 8 MP con f/2.0.
Xiaomi destaca tamén a autonomía deste POCO C65, grazas á súa batería de 5.000 mAh, con carga de 18W. Completan a ficha de especificacións a conectividade 4G, WiFi ac, Bluetooth 5.3, NFC para pagos móbiles, USB C e lector de pegadas dixitais, que se sitúa na parte lateral do dispositivo.
Dispoñibilidade e prezo
O POCO C65 está dispoñíbel en tres cores (negro, azul e morado), así como en dúas variantes: 6 + 128 GB e 8 + 256 GB.
A versión de 6 + 128 GB estará en oferta de lanzamento (Early Bird) por 129 € até o 27 de novembro en Amazon, po.co/es e mi.com/es, quedando despois en 149 €. Pola súa banda, o modelo de 8 + 256 GB pódese adquirir até o 27 de novembro en Amazon, Mediamarkt, po.co/es e mi.com/es por 149 €, e a partir desa data por 179 €