Vodafone confirmou onte que unha das súas empresas colaboradoras sufriu un hackeo que permitiu expór “un número limitado de datos” de clientes da compañía, se ben a estas alturas non se revelou o alcance real da filtración. Porén, a compañía trasladou que entre os datos expostos figuran DNIs e contas bancarias, entre outros.
A operadora confirma que activou os protocolos de seguridade correspondentes, tanto internos coma externos, e tamén se comunicou coa clientela afectada, para recomendar que non accedan a sitios web inseguros nin faciliten información persoal se son contactados por calquera medio.
Do mesmo modo, Vodafone trasladou o incidente ao INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade), así como á Axencia de Protección de Datos (AEPD). Desde o INCIBE catalogaron o incidente como de alta importancia, cun nivel 4 (sobre 5), mais recorda que os datos afectados non inflúen nos contrasinais de acceso.
