O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTIc, vén de lanzar a primeira edición dun premio que ten por obxectivo incentivar a participación na investigación forense que realizan desde o seu centro.
Para iso necesitan facer un chamamento ao público xeral a compartir fotos realizadas con dispositivos iPhone en modo retrato, que permitirán recompilar datos esenciais para a súa análise, contribuíndo ademais a acadar avances nas súas investigacións, mellorando os algoritmos para combater o fraude, evitar roubos de identidade dixital ou loitar contra a pornografía infantil, entre outros.
As persoas interesadas en participar deben capturar e enviar fotos en modo retrato desde dispositivos iPhone, sendo necesarias un total de 20 fotos tomadas en dúas sesións de 10 imaxes cada unha, tal e como se detalla nas instrucións de participación.

O prazo de participación extenderase até o 22 de decembro, e as persoas que posúan máis dun iPhone poden participar unha vez con cada dispositivo, repetindo o proceso para cada un deles. Ademais, as fotos tomadas cos modelos iPhone XS, XS Max, SE (2nd gen), SE (3rd gen) e 13 mini contarán cunha participación extra.
O premio consistirá nuns Apple AirPods Pro (2023 2ª gen), que se sorteará entre todas as persoas participantes. O anuncio da persoa gañadora farase o 23 de decembro a través da web de atlanTTic e nas súas redes sociais.
Máis información | atlanTTic