A conectividade 5G comeza a chegar a Digi, e faino por sorpresa. A operadora vén de comezar o despregamento deste servizo entre a súa clientela, sumándose á cada vez máis completa listaxe de operadoras que xa están a ofrecer este servizo, aínda que polo de agora está en fase de probas.
Segundo estiveron a reportar no día de onte usuarios da compañía en redes sociais, os seus móbiles comezaron a amosar a conexión 5G. Pola súa banda, a compañía confirmou que está a desenvolver probas técnicas, no camiño de que todas as usuarias da operadora poidan ter o servizo activo “nas próximas semanas”.
Coa chegada do 5G a Digi, apenas quedan dúas marcas entre os principais OMV por ofrecer este servizo. Por unha banda, Simyo contará con el a partir do mes de xaneiro, mentres que finetwork atópase en pleno proceso de negociación para conseguilo. Outras marcas, como Lowi, xa desfrutan del, o mesmo ca O2, Jazztel, MásMóvil, Pepephone ou R, entre outros.
Cobertura 5G de Movistar, pero limitada
Malia todo, o 5G que empregarán as usuarias de Digi será o 5G co estándar NSA de Movistar, ao igual que acontece coas clientas de O2, a marca de baixo custe de Movistar. Telefónica reserva o uso do 5G NSA, coñecido tamén como 5G+, como un servizo premium que polo de agora será exclusivo para as clientas da marca principal, Movistar.