Google Chrome e Calendar deixarán de funcionar nos móbiles máis antigos

A última actualización de Google Calendar supuxo unha mala noticia para as usuarias das versións máis antigas de Android, dado que a aplicación deixou de funcionar sen previo aviso. Estamos a falar de modelos de dispositivos que empregan versións anteriores a Android 8.0 (Oreo).

A versión 2023.46.0-581792699-release de Calendar introduciu unha comprobación da versión de Android, que de detectar versións anteriores a Android 8.0 bloquea directamente o seu uso, obrigando ás usuarias ben a actualizar a versión do sistema operativo do seu móbil -se é posíbel- ou a empregar outra aplicación de calendario diferente para desfrutar das súas funcionalidades.

Algo semellante vai ocorrer con Google Chrome, o navegador de Google. A partir da versión 120, dito naveagador será compatíbel unicamente con versións iguais ou superiores a Android 8.0, aínda que neste caso Google anunciou este cambio con anterioridade, xa que se agarda que dita versión chegue á Play Store a comezos do 2024.

Neste tempo, as usuarias poden buscar unha alternativa e empregar outro navegador, como Firefox, que de momento continúa a dar soporte a versións anteriores, ou actualizar o seu dispositivo, unha opción máis radical pero que seguramente evitará problemas semellantes nun futuro próximo.

Actualización de servizos

Google atópase inmersa nun proceso de limpeza de servizos, deixando sen soporte os dispositivos máis antigos, pero tamén eliminando aquelas contas inactivas, co obxectivo de liberar a carga dos seus servidores.

E non é a única. Recentemente WhatsApp tamén anunciou que o próximo 1 de decembro deixará de funcionar nos modelos con versións máis antigas de software, alegando problemas de seguridade.

Sobre o autor

Reply