WhatsApp e Google veñen colaborando desde o 2018 para permitir que as usuarias da popular aplicación de mensaxería poidan realizar as copias de seguridade das conversas, imaxes, vídeos, audios e documentos a través de Google Drive, empregando para iso a conta de Google das usuarias, e sen que restase o espazo dispoñíbel. Porén, isto remata hoxe.
Comezando polas usuarias de WhatsApp beta, e posteriormente -a comezos do 2024- afectando a todo o mundo, as copias de seguridade de WhatsApp almacenadas en Google Drive descontarán espazo de almacenaxe de Google, un espazo que se comparte entre Gmail, Google Fotos e Google Drive. Non se ven afectadas as usuarias de iOS, xa que nese sistema operativo xa viña funcionando así coas copias de seguridade en iCloud.
Isto afectará especialmente ás usuarias que tamén realizan a través de Google Fotos a copia de seguridade das súas imaxes, e tamén a quen ademais de gardar as conversas tamén faga o propio coas imaxes e vídeos recibidos a través de Google.
Como solucións a este problema, para evitar que WhatsApp monopolice o espazo de almacenaxe na conta de Google, pódense levar a cabo diversas opcións. A máis drástica é desactivar a copia de seguridade, o que implicará que perderemos as conversas se cambiamos de móbil, pero tamén se poden levar a cabo outras accións, como pararse a facer unha limpeza da copia, empregar unha conta alternativa de Google -que ofrece 15 GB de almacenaxe gratuítos– ou, se o preferimos, mercar algún dos plans de almacenaxe que nos ofrece Google, e que parten de 1,99 €/mes para 100 GB de almacenamento.