Meta xa ten data para o despregamento de Instagram Threads en Europa, ou cando menos unha aproximación. Será ao longo deste mes de decembro, tras ter comprobado que cumpre coa normativa europea en materia de datos e servizos cando a aplicación definida como “o X de Instagram” aterrice no vello continente.
O lanzamento de Threads nos Estados Unidos chegou pouco despois de que Elon Musk mercase Twitter para convertilo en X, a cada vez máis controvertida aplicación de microblogging, e segue o mesmo formato de mensaxes curtas a través dun feed que se pode consultar sen necesidade de contar cun perfil en Threads, evitando así que as usuarias se vexan forzadas a crear un novo perfil social.

A pregunta do millón para a cal non temos resposta é como responderá o público. Hai quen se aventura a considerar Threads como un gran rival para X, mais o certo é que á antiga X saíulle moita competencia que non acaba de despegar, como Mastodon ou Bluesky.