Malia contratar velocidades de 600 Mbps e 1 Gbps de fibra, moitas usuarias atópanse coa dificultade de poder desfrutar desas conexións en todos os puntos da casa, especialmente empregando as redes WiFi. A isto hai que sumar a incapacidade das redes da banda de 5 GHz -as que permiten maiores anchos de banda- de atravesar con éxito moitas paredes, reducindo as súas posibilidades de maneira notoria.
É por iso que moitos operadores ofrecen servizos de extensión da rede WiFi mediante un segundo punto de acceso con tecnoloxía WiFi mesh, que tamén podemos configurar facilmente se nos facemos cos equipos, aínda que supoñen unha inversión a considerar se queremos algo de calidade.
Movistar vai agora un paso máis aló, ofrecendo ás usuarias o servizo de fibra FTTR (Fibra até a habitación), que pretende cablear a nosa vivenda para que poidamos desfrutar da nosa conexión con calidade, dando así resposta á crecente demanda de conectividade polo número de aparellos que usan a rede na nosa vivenda.
Os puntos fortes da FTTR son a mellora substancial na latencia e no mantemento da máxima velocidade, dando cobertura por toda a casa. Ademais, na instalación tampouco se necesitan obras, grazas a un cable fino e practicamente invisíbel que axuda a manter a estética da nos vivenda.

Dispoñibilidade e prezo
Movistar ofrece o servizo de FTTR desde hoxe, cun coste de alta de 120 euros, ao que hai que sumar 9,90 €/mes polo custe do servizo. Implica unha permanencia de 2 anos na compañía, cunha penalización de 100 € se nos damos de baixa antes.
Nun primeiro momento ofrécese á clientela dos produtos miMovistar e Fusión en Madrid e Barcelona, coa intención de expandilo ao resto de lugares do conxunto do Estado proximamente.
