Samsung pon á venda no noso país o Galaxy S23 FE por 709 €

Samsung vén de poñer á venda no noso país o Galaxy S23 FE (Fan Edition), a versión económica da súa actual serie de referencia. Trátase dun modelo de gama alta que foi anunciado o pasado mes de outubro, cunhas especificacións que manteñen a esencia da serie Galaxy S23, aínda que con algúns recurtes que lle permiten ter un prezo algo máis asequíbel.

O Galaxy S23 FE está equipado cunha pantalla AMOLED de 6,4 polgadas, resolución Full HD+ e unha taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior alberga un procesador Exynos2200, xunto con 8 GB e 128 ou 256 GB de memoria interna.

Leva unha cámara frontal de 10 megapíxeles, con f/2.4, e na parte traseira un sistema formado por tres sensores: un principal, de 50 MP con f/1.8, unha cámara de 12 MP con f/2.2 e un último sensor teleobxectivo 3x de 8 MP e f/2.4.

A súa batería fica nos 4.500 mAh de capacidade, con carga rápida de 25W, sendo tamén compatíbel cos sistemas de carga sen fíos. Dispón de conectividade 5G, WiFi 6E, Bluetooth 5.3 e NFC para efectuar pagos móbiles. Tamén é resistente a auga e pó segundo o estándar IP68.

Dispoñibilidade e prezo

Samsung ofrece este dispositivo a través da súa páxina web, onde se pode adquirir con 128 ou con 256 GB, por 709 € e 769 €, respectivamente. Porén, promocionalmente, a versión de 256 GB está dispoñíbel por 709 €, igualando o modelo superior.

As cores dispoñíbeis son menta (verde), grafito (negro), crema (branco) e morado, que estarán dispoñíbeis a través de diferentes vías. Dispón tamén de dúas cores exclusivas para a tenda de Samsung: mandarina (laranxea) e índigo (azul).

Sobre o autor

Reply