Durante as últimas semanas estivemos a probar un dispositivo moi interesante, a OPPO Pad 2. Trátase dunha tablet de gama media – alta que OPPO orientou claramente á produtividade. Para sacarlle todo o partido, probámola xunto coa funda con teclado e lapis oficiais, cos que o fabricante completa o pack deste dispositivo.
A continuación podedes ler as nosas impresións
Deseño e acabados
A OPPO Pad 2 é unha tablet cuns xenerosos marcos que se curvan nas catro esquinas, e unhas dimensións de 256 x 189 x 6,54 milímetros. Pesa 552 gramos, e ao sostela, ofrece unha boa sensación de durabilidade e robustez.
Colocada horizontal, dispón a cada lado de 2 altofalantes, facendo un total de catro. O botón de acendido sitúase na parte superior do lateral esquerdo, e os controis de volume na parte superior, tamén cara a esquerda. Teño que dicir que ao comezo sorprendeume e non me resultou axeitada, acostumado a que a meirande parte dos modelos os sitúen á dereita; porén, tras uns días de uso, xa estaba complamente afeito e non me supuxo ningún trauma.
A parte de arriba tamén serve de cargador por inducción para o lapis, que queda pegado á tablet como un imán, e no lateral dereito temos o conector de USB-C. A parte inferior inclúe o contacto co teclado físico da funda, un elemento que nos resultou moi útil para completar a experiencia.
Na parte traseira temos un módulo de cámara que sobresae do perfil da tablet, e que se a colocamos sen funda sobre unha superficie fai que baile. Porén, encaixa á perfección coa funda, quedando así totalmente inmóbil.
Hardware e rendemento
A ficha técnica da OPPO Pad 2 supera a media das tablets Android que se comercializan no mercado, para ofrecer ás usuarias un dispositivo completo que pode empregarse para traballar sen temor a quedarnos xustos de potencia.
Está equipada cun procesador MediaTek Dimensity 9000, xunto con 8 GB de memoria RAM (ampliábeis mediante virtualización en até 4 GB extra) e 256 GB de memoria interna, que nos permitiron empregar o dispositivo para desenvolver o noso traballo en mobilidade, pero tamén para desfrutar de consumir contidos multimedia. No caso dos xogos máis esixentes, si que se resinte un pouco, polo que se ese é o obxectivo da tablet poderíamos optar por outro modelo máis potente. Se os xogos van ser algo puntual, a OPPO Pad 2 cumpre cos mínimos esixíbeis.
Na conectividade temos WiFi 6 e Bluetooth 5.3, así como tamén o conector USB-C.
Pantalla e multimedia
A pantalla é un panel LCD IPS de 11,61 polgadas, cunha relación de aspecto bastante “cadrada” 7:5, máis útil para traballar, e resolución de 2800 x 2000 píxeles. O seu brillo máximo é de 500 nits, e a taxa de refresco de 144 Hz. Certamente, a pantalla compórtase moi ben, ofrecendo unha boa visualización desde diferentes ángulos e tamén en diferentes espazos de luz.
Máis aló da pantalla, no apartado multimedia temos que destacar tamén o sistema de son formado por catro altofalantes con soporte Dolby Atmos, que ofrecen un son de altas prestacións, nítido, con volume e sen distorsión. Neste senso, pareceunos que a OPPO Pad 2 é unha gran tablet para o consumo de multimedia.
O único pero que lle atopamos é que se estamos a suxeitar a tablet coas mans, de maneira natural tapamos un altofalante de cada lado, reducindo o son, algo que non afecta en absoluto se temos a tablet sobre o soporte que ofrece a propia funda.
Cámara
En canto ás cámaras, a principal é de 13 MP con f/2.2, mentres que a frontal, principalmente para videochamadas, é de 8 MP con f/2.28 e gran angular de 103 graos.
Como sempre que analizamos unha tablet, consideramos que a cámara principal das tablets é un elemento secundario, e aínda que neste caso resolve bastante ben en condicións de boa luminosidade, non nos parece o dispositivo máis acaído para tomar fotos.
Si que nos pareceu interesante apostar un por sensor con gran angular para a cámara frontal, xa que mellora a experiencia en videochamadas, e nese aspecto, a OPPO Pad 2 suma puntos.
Software e produtividade
De serie, a OPPO Pad 2 vén con Android 13, aínda que personalizado coa capa ColorOS 13.1, que non resulta especialmente intrusivo en canto funcións e destaca máis pola súa estética diferencial.
Para completar a experiencia de produtividade inclúe algunhas funcións, como a pantalla dividida ou a pantalla flotante, así como tamén para sacarlle partido ao lapis e poder tomar notas rápidas ou realizar debuxos de maneira precisa.
E é que para poder sacarlle todo o potencial á tablet pensamos que é necesario facerse tamén coa funda – teclado como co lapis, que se comercializan á parte, e que fan que a experiencia sexa máis completa, mellorando a nosa produtividade.
O teclado resulta bastante cómodo para escribir, tanto ao tacto como na mobilidade das teclas, e o traslado da información introducida por el á pantalla é inmediata. O lapis, pola súa banda, tamén resulta moi cómodo para escribir, xa que ten as dimensións dun lapis tradicional, o que mellora as sensacións.
Batería
Por último cómpre falarmos da batería. A OPPO Pad 2 monta unha batería de 9510 mAh, con carga da 67 W. Durante os días que a estivemos a probar conseguimos rematar a xornada laboral de sete horas sen maiores complicacións, e ter ademais tempo para desfrutar de outros contidos.
Dispór de carga rápida real -poñemos o foco nisto, porque hai moito fabricante que sinala nas especificacións carga rápida para cargas de 25W- permítenos non só dispoñer do dispositivo completamente cargado nun tempo razoábel, senón tamén conseguir máis horas de autonomía cuns minutos de enchufe.
Conclusións
Analizada en profundidade, podemos concluír que a OPPO Pad 2 é un gran dispositivo para o día a día. A súa pantalla, ou as súas posibilidades extra grazas ao teclado e ao lapis fan que destaque fronte outros modelos da competencia.
Malia que o seu prezo oficial é de 599 €, aos que habería que sumar 39 € pola funda teclado e 79 € polo lapis, actualmente na tenda online está en promoción por 499 €, e co lapis de regalo se mercamos a funda, polo que queda todo o conxunto en 538 €, un prezo moi interesante para todo o que ofrece.