Nestas últimas semanas do ano estanse a producir numerosas filtracións, adiantando dispositivos que verán a luz nestes últimas días do ano e tamén nas primeiras semanas do 2024, co CES e o MWC ás portas. O último modelo en sufrir estas filtracións é o OPPO Find X7, un novo smartphone que está a preparar o fabricante chinés OPPO.
O render do fabricante deixa ver un dispositivo coas cámaras traseiras dispostas en forma de T, e co selo de Hasselblad, unha das marcas referentes en fotografía a nivel global. Segundo se ten filtrado, a cámara principal será un sensor SONY LYT-808 de 50 MP, acompañado dun sensor ultra gran angular de 50 MP e un lente teleobxectivo de 64 MP OmniVision OV64B.
No interior do dispositivo teríamos un procesador MediaTek Dimensity 9300, construído en 4 nm e formado por un núcleo Cortex-X4 a 3.25 GHz, 3 núcleos Cortex-X4 a 2.85 GHz e 4 núcleos Cortex-A720 a 2.0 GHz. Haberá varias opcións de memoria, chegando a 1TB de capacidade, e tamén de RAM, que chegará até os 16 GB.
Da súa pantalla, a falta de confirmar os datos sobre o tamaño, sábese que contará con taxa de refresco de 120 Hz, e a batería ficará nos 5000 mAh con carga rápida, que podería chegar a 100 W.
Data de presentación
Malia non ter aínda data de presentación, todo apunta a que será bastante inminente. Os rumores apuntan a que teremos tres modelos (Find X7, Find X/ Pro e Find X7 Ultra), pero haberá que agardar uns días aínda para sabelo con certeza.