OPPO vén de anunciar un novo modelo de gama media, o OPPO A59 5G. Trátase dun dispositivo que chega para seguir a ampliar o portfolio de gama media que está a fomentar o fabricante, e ofrecendo características como a conectividade 5G, un deseño coidado ou un procesador con bastante boa crítica na súa gama, o Dimensity 6020.
O OPPO A59 5G incorpora unha pantalla LCD de 6,56 polgadas con resolución HD+ e taxa de refresco de 90 Hz. No seu interior leva o procesador Dimensity 6020, fabricado por MediaTek, que está acompañado de 4 ou 6 GB de memoria RAM, segundo versións, e unha única opción de almacenaxe interna, de 128 GB.

No campo fotográfico atopámonos cunha cámara frontal de 8 MP, mentres que para a cámara principal OPPO apostou por un sistema de dobre cámara: o sensor principal é de 13 MP, e o secundario de 2 MP, pensado para ofrecer o efecto bokeh (modo retrato).
Dispón dunha batería de 5.000 mAh de capacidade, con carga de 33W. En canto á conectividade, destaca o 5G e tamén a presenza do conector jack 3.5 de audio, cada vez menos habitual nos smartphones. Completan a lista de especificacións a presenza dun lector de pegadas dixitais (situado no lateral) e a protección contra auga e pó segundo o estándar IP54. Como sistema oeprativo leva Android 13, personalizado na capa ColorOS 13.1.

Dispoñibilidade e prezo
Como xa se avanzou, o OPPO A59 5G ponse á venda en dúas versións, atendendo á capacidade da memoria RAM. Polo de agora está dispoñíbel na India, aínda que é máis que probábel que en cuestión de semanas chegue ao noso país de maneira oficial.
Na India pódese adquirir en negro ou en dourado por uns 160 € ao cambio na versión de 4 GB de RAM, e por uns 185 € na versión con 6 GB de RAM, en ambos casos con 128 GB de memoria interna.
