Xiaomi vén de anunciar un novo móbil económico, o POCO M6 5G, un dispositivo enfocado a esas persoas que fan un uso básico do teléfono pero que tampouco queren renunciar a características como unha boa batería ou ter o último en conectividade, o 5G.
O novo POCO M6 5G é un dispositivo que leva unha pantalla de 6,74 polgadas con resolución HD e taxa de refresco de 90 Hz. No interior atopámonos co procesador MediaTek Dimensity 6100+, xunto con opcións de 4, 6 ou 8 GB de RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

As súa cámara principal é de 50 MP, e conta cun segundo sensor auxiliar do cal non se ofrecen máis detalles. Na parte frontal temos unha cámara de 5 MP, suficiente para videochamadas, e que cumpre un papel básico para os autorretratos.
A autonomía vén dada por unha batería de 5.000 mAh de capacidade, con carga de 18W. Dispón de conectividade 5G, WiFi ac, Bluetooth 5.3 e conector de audio para auriculares externos. Tamén integra un lector de pegadas dixitais no lateral do dispositivo, e como sistema operativo emprega Android 13, coa personalización MIUI 14.

Dispoñibilidade e prezo
O novo POCO M6 5G comercialízase en dúas cores, negro e azul, e esta dispoñíbel en tres configuracións:
- 4 + 128 GB: uns 100 € ao cambio.
- 6 + 128 GB: uns 115 € ao cambio.
- 8 + 256 GB: uns 135 € ao cambio.
Podemos imaxinar que será cuestión de semanas que este novo dispositivo chegue á tenda de dispositivos de POCO.