Si, lestes ben. Hoxe imos falar do Nowatch, un novo modelo de smartwatch que non é un smartwatch. Ou si, pero sen pantalla. Nunha industria na que cada vez resulta máis complicado innovar e destacar, Nowatch faino apostando por unha alternativa totalmente diferente.
A idea detrás deste trebello, que xa está á venda no noso país, é a de termos un dispositivo de pulso que nos permita medir as nosas constantes, pero eliminando a pantalla para evitar que as usuarias se agobien e obsesionen con estes datos.
Deste modo, o reloxo levará conta da frecuencia cardíaca, da saturación de osíxeno na sangue ou o control de toda actividade, tanto a física como a do sono ou o estrés. Porén, non poderemos ver eses datos directamente no dispositivo -evitando, din, eses agobios- senón que teremos que dirixirnos á aplicación instalada no noso móbil.

Con todo, o dispositivo pode alertar ás usuarias mediante vibración, tanto para certas notificacións (por exemplo, as chamadas entrantes), como cando detecta uns niveis de estrés que deben facernos reaccionar.
A pesares de prescindir da pantalla, un dos principais recursos que consumen enerxía neste tipo de dispositivos, a súa autonomía é de tres días.
Configuración e prezo
Lonxe do que puidera parecer, o Nowatch non é un trebello económico, e o seu prezo final depende da configuración que fagamos durante o proceso de compra na súa web, https://nowatch.com/.
Partindo da escolla da caixa (en dourado, prata ou rosado), que ten un prezo de 339 €, hai que sumar a correa (39 ou 59 €, dependendo de se escollemos que sexa textil ou de pel) e o elemento que substituirá a pantalla, que pode ser metal (sumando 69 € adicionais) ou unha pedra, como amatista (119 €), labradorita (69 €), cuarzo rosa (49 €) ou lapis lazuli (219 €).

Ao finalizar o proceso de compra ofrécenos a posibilidade de pedir un USB-C de carga sen custe adicional (de maneira predefinida non o inclúe), e tamén se queremos mercar un disco adicional para dispór de varios estilos que poder combinar.
Máis info | Nowatch