A competencia apreta a Google, que malia ser unha das compañías abandeiradas da innovación, vai un paso por detrás dalgúns dos seus competidores en materia de funcionalidades de Intelixencia Artificial (IA), cando menos das que xa se poden empregar a día de hoxe polas usuarias.
Quizais por iso Google Bard, a IA de Google, está a escoitar as opinións da comunidade dixital, co obxectivo de recibir información sobre os intereses e prioridades das usuarias, de cara á implementación de novas funcionalidades ao longo das actualizacións que poidan vir durante este 2024.
Jack Krawczyk, unha das persoas con perfil público dentro do proxecto de IA de Google, compartiu a través do seu perfil de X catro das funcións que máis están a reclamar as persoas que participaron nesta consulta pública, deixando aberta unha quinta para recibir feedback.
Entre os aspectos máis demandados están un maior control sobre as “alucinacións” das IAs á hora de inventar datos para responder ás consultas das usuarias; multimodalidade ampliada para que a IA sexa quen de interpretar imaxes, son ou vídeos (algo que xa fai Gemini, pero que está pendente de implementarse); maior facilidaded de acceso a través dunha única app que agrupe estes servizos e funcións de vangarda, ao que Krawczyk apunta a un “Bard Advanced”, que podemos imaxinar que traerá novidades.