Hai uns días avanzamos que Google tiña aberto un proceso de consulta á comunidade para mellorar as capacidades de Google Bard, a súa intelixencia artificial (IA), da que xurdiron diversas peticións. Esta semana iniciámola cunha información que apunta a que haberá unha versión avanzada da mesma, dirixida a todas aquelas persoas que queiran sacarlle todo o partido a esta ferramenta.
Trátase de Bard Advanced, e nace como a gran alternativa de Google a ChatGPT Plus. É unha versión co modelo de pago por subscrición, se ben polo de agora non trascendeu o seu prezo, ou se vai pasar a formar parte dos servizos incluídos en Google One. O que si trascendeu é que vai contar cun período de proba gratuíto de tres meses.
Algunhas novidades previstas
O factor diferencial desta versión de pago está no uso de Gemini Ultra, a última versión do modelo de linguaxe Gemini presentada recentemente por Google, que promete ter un maior nivel de computación matemático e lóxico. Entre as súas novidades estaría a posibilidade de que as usuarias poidan crear os seus propios chatbots, unha función bautizada en calve por Google como “Motoko”.
Máis aló desta versión de pago, de Google Bard agárdanse novas funcións, como a inspiración grazas á galería, para enfocar a creación de contido e axudar ás usuarias na produtividade, creatividade e benestar; as tarefas, para configurar accións de execución prolongada (repetitivas); ou compartir fondo e primeiro plano, unha ferramenta que serviría para crear un enlace público para compartir fondos de pantalla ou imaxes en primeiro plano.
Ademais, a funcionalidade máis agardada -e pedida- polas usuarias chegaría proximamente. Trátase da integración co asistente virtual de Google, para que ao dicir “Ok Google” apareza un botón que permita activar Bard, e así poder acceder ás funcións avanzadas desde dentro da plataforma