Samsung acudiu á primeira gran cita tecnolóxica do ano, o CES de Las Vegas, con diversas novidades, especialmente no campo da Intelixencia Artificial (IA), a robótica e o mundo da televisión. Ademais, o fabricante surcoreano tamén está a aproveitar a súa presenza na feira para revelar algunha das tecnoloxías nas que está a traballar, entre elas un novo concepto de pantalla flexíbel.
Afondando na idea do Galaxy Z Flip, un produto comercial que o fabricante soubo encadrar moi ben no público, Samsung amosou un concepto de teléfono encartábel chamado In&Out Flip, que destaca por ser capaz de encartarse 360 graos. Isto implica eliminar a necesidade dunha segunda pantalla adicional para a cuberta, xa que a propia pantalla principal tamén se dobra cara afora.
Con isto conséguese, ademais de evitar esa segunda pantalla, un deseño máis elegante e delgado, eliminando a maior reticencia que atopan no mercado para os teléfonos encartábeis actuais: o seu grosor. A maiores, este panel tamén resulta máis duradeiro, sendo compatíbel con temperaturas extremas de entre -20 e -60 graos, así como tamén resistindo mellor as areas, auga e mesmo os golpes.
Ademais deste teléfono conceptual In&Out, Samsung anunciou outros conceptos enrollábeis no CES 2024, como o Rollable Flex, un dispositivo que pode expandir até cinco veces o seu tamaño orixinal cando se desenrola como un pergamino, ou o Flex Hybrid, que ademais de encartábel tamén é deslizábel.
Estes novos conceptos son, polo de agora, produtos de laboratorio, que seguramente marquen o futuro deste tipo de dispositivos. Haberá que seguir de preto como van evolucionando estas tecnoloxías para ver se algún día chegan aos nosos dispositivos.