Quedan apenas cinco días para o lanzamento da nova serie Galaxy S24 de Samsung, que marcarán o mercado durante o 2024. Mais, en paralelo, Samsung segue traballando noutros produtos, como o Galaxy Xcover 7 que vén de ser anunciado. Trátase da última incorporación á familia de dispositivos robustecidos da compañía, que seguindo a estela dos seus predecesores, mantén unha estética bastante esbelta, malia a súa durabilidade.
O novo Samsung Galaxy Xcover 7 vén cunha pantalla LCD TFT de 6,6 polgadas, con resolución FullHD+, ratio 20.) e taxa de refresco de 60 Hz. Ademais, está protexida baixo unha cara de cristal endurecido Corning Gorilla Glass Victus, para evitar -ou cando menos diminuír considerabelmente- as roturas e as rabuñadas.
No seu interior atopamos un procesador de oito núcleos -do que non se concreta o modelo- fabricado mediante o proceso de 6 nm. Xunto a el, 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, iso si, ampliábeis con tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade. Dispón de dual SIM, combinando unha SIM física e eSIM.
A fotografía non é o punto forte deste dispositivo, que integra unha sinxela cámara frontal de 5 MP con f/2.0 para selfies, e unha cámara traseira de 50 MP con f/1.8. Pola súa banda, a batería é extraíbel, e ten unha capacidade de 4050 mAh; ademais de cargarse por cable, tamén se pode cargar mediante os cargadores POGO.
Completan a folla de especificacións a compatibilidade con WiFi 5 e Bluetooth 5.3. Tamén dispón de NFC -para pagos móbiles- e conector de audio de 3.5 mm. Nun lateral atopamos a tecla Xcover Key, que podemos configurar ao gusto para que faga unha acción que determinemos, e como sistema operativo leva Android 14.
As certificacións de robustez veñen dadas por varios estándares, entre eles o IP68 que garante a protección contra auga e pó, así como tamén a certificación militar MIL-810H para golpes e situacións de temperatura extremas.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Samsung Galaxy Xcover 7 porase á venda ao longo deste mes de xaneiro. Se ben a compañía aínda non fixo oficial o seu prezo de lanzamento, seguindo a liña dos seus predecesores podemos adiantar que rondará os 600 euros.