OnePlus ofrece uns auriculares Bang & Olufsen por valor de 549 € coa reserva do OnePlus12

OnePlus xa ten todo preparado para poñer á venda o OnePlus 12, o seu actual dispositivo de referencia. Para celebrar o seu lanzamento, o fabricante vén de anunciar un paquete especial, grazas ao cal aquelas persoas que reserven o dispositivo recibirán uns auriculares Bang & Olufsen de agasallo.

Trátase dunha edición especial dos auriculares Bang & Olufsen Beocom Portal, valorados en 549 €, personalizados co logotipo de OnePlus con motivo deste lanzamento. Porén, limítanse as unidades a un total de 1.000.

Para poder acceder á oferta é preciso realizar a reserva do OnePlus 12 desde a web de OnePlus entre os días 23 e 25 de xaneiro, na versión de maior nivel, que conta 16 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna.

Sobre o OnePlus 12

Como actual modelo de referencia de OnePlus, o OnePlus 12 non escatima en prestacións. A súa pantalla é un panel AMOLED BOE X1 de 6,82 polgadas con resolución Quad HD+ (3168 x 1440 píxeles), e unha taxa de refresco variábel que vai desde 1 a 120 Hz. En canto a brillo, o pico é de 4500 nits.

No interior do dispositivo está o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, con 256 GB de memoria interna e 16 GB de RAM, e a súa batería fica nos 5.400 mAh, con carga de 100W mediante cable e de 50 W sen fíos.

Ten unha cámara traseira principal formada por un sensor de 48 MP Sony LYTIA LYT-T808, con estabilizador óptico e f/1.7; un segundo sensor de 64 MP OmniVision OV64B con zoom 3x e f/2.6, e un terceiro e último sensor de 48 MP Sony IMX581 ultra gran angular con apertura f/2.2. A cámara frontal é de 32 MP.

E completando a folla de especificacións, todo o que podemos pedir a un modelo de gama alta: conectividade 5G, NFC para pagos móbiles, entre outros.

Sobre o autor

Reply