Saily, a eSIM global que preparan os creadores de NordVPN

O equipo detrás de NordVPN, un dos servizos de VPN máis populares, está a traballar nun novo proxecto. Trátase de Saily, un servizo de eSIM global que teñen previsto lanzar de cara finais deste 2024, pero do que xa se están a realizar as primeiras probas.

E eliminación dos sobrecargos polo uso do móbil en roaming no Espazo Económico Europeo supuxo un gran avance para as usuarias, o deixar de depender de adquirir SIMs prepago locais para seguir conectadas durante as nosas viaxes por Europa. Porén, cando viaxamos fóra do continente, as altas tarifas de roaming (agás contadas excepcións como o roaming en EEUU incluído nas tarifas de Vodafone ou os novos plans de Orange) obrigan a seguir con esta práctica.

Nos últimos anos popularizáronse servizos como Holafly, Airalo ou Yesim que ofrecen plans de datos en diversos países -ou de maneira global- a través de eSIM. Nos móbiles compatíbeis -especialmente todos os gamas altas admiten eSIM- resulta inmediato adquirir unha tarxeta virtual por estas webs, e en poucos minutos podemos tela instalada e xa funcionando no noso dispositivo.

Saily vai na mesma liña que o que ofrecen estas empresas, e adiantan que ofrecerán plans en ducias de países, con numerosos plans para tratar de conseguir as mellores ofertas e reducir os gastos en itinerancia. Porén, de momento non se coñecen nin o listado de países compatíbeis nin tampouco as tarifas que se aplicarán.

Aquelas persoas interesadas en ser notificadas cando avance o servizo, poden apuntarse deixando o seu correo electrónico na web oficial de Saily.

Sobre o autor

Reply