Porsche e Honor únense para lanzar un móbil encartábel

Xa son varias as colaboracións que se teñen establecido entre fabricantes de smartphones e fabricantes de vehículos, e mesmo ultimamente vimos como certas compañías moi vencelladas aos móbiles, como Xiaomi, deron os primeiros pasos no mundo da automoción, anunciando un vehículo eléctrico.

A través de Porsche Design, un proxecto englobado nunha estratexia de Porsche por levar a súa esencia a outros produtos que encaixan nos seus valores, vén de ser anunciada unha nova colaboración con Honor, para poñer no mercado un exclusivo teléfono encartábel: o Honor Magic VS RSR.

Inspirado nos coches de carreiras -cunha chiscadela aos modelos das 24 horas de Le Mans- e con elementos semellantes aos que vemos nos deseños de varios modelos de Porsche, este novo dispositivo ten un peso de 234 gramos e un grosor de 9,9 mm, bastante axustado se temos en conta que en realidade é un dispositivo que se dobra sobre si mesmo.

Nas súas entranas, este novo modelo é o Honor Magic V2 anunciado hai uns meses, un dispositivo con pantalla OLED LTPO de 7,92 polgadas e resolución 2344 x 2156 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon G2, 16 GB de memoria RAM e opcións de 256 / 512 GB ou 1 TB.

Dispón de triple cámara (50 MP + 50 MP gran angular + 20 MP telefoto) na parte traseira, e cámara de 16 MP na dianteira; unha batería de 5000 mAh con carga rápida de 66 W e como sistema operativo MagicOS 7.2 baseado en Android 13.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Honor Magic VS RSR está dispoñíbel na China, e de momento non hai indicios que apunten a que puidera comercializarse noutros países.

En canto seu prezo, véndese por algo máis de 2.000 € ao cambio.

Sobre o autor

Reply