Onte á tardiña celebrouse o Samsung Unpacked, o evento no que Samsung deu a coñecer os novos dispositivos da serie Galaxy S. Falamos dos novos Galaxy S24, S24+ e S24 Ultra, tres dispositivos que chegan cunha lista de especificacións á altura do esperado -moitas das cales xa foran filtradas- e que ademais ofrecen múltiples solucións baseadas na Intelixencia Artificial (IA).
A IA para a comunicación
Samsung levaba tempo facendo hype coas funcionalidades baseadas en IA dos novos Galaxy S24, e o certo é que moitas delas están chamadas a ser relevantes no noso día a día, solucionando -e facilitando- algunhas das cousas que facemos no noso día a día.
Entre esas novas funcionalidades destacan Live Translate, que permite traducións de texto e voz en tempo real desde a aplicación nativa do teléfono, o cal elimina a barreira do idioma nas nosas comunicacións, por exemplo á hora de falar para reservar un hotel nun país no que non coñecemos o idioma.
Na mesma liña, Interpreter traduce as conversas en directo en pantalla partida, para que as persoas do lado oposto poidan ler a transcrición do que a outra persoa dixo, e sen facer uso de datos ou WiFi, xa ue funciona sen conexión. Con Transcript Assist, a IA colle as gravacións de voz -mesmo cando falan varias persoas- e transcribe a texto para despois resumir ou traducir estas gravacións.
Para mensaxes e outras aplicacións, Chat Assist pode axudar a perfeccionar o ton da conversa e asegurar que se transmite de xeito axeitado, cunha mensaxe máis formal para o traballo ou unha frase curta e atractiva para publicar nunha rede social. Ademais, desde o propio teclado, a IA traduce en tempo real mensaxes, emails e outros contidos até en 13 idiomas
No coche, Android Auto fará un resumo automático das mensaxes entrantes e suxirirá respostas ou accións relevantes, como avisar a alguén da hora á que vas chegar; e para manter todo máis organizado, Note Assist -integrado en Samsung Notes- pode facer resumos e crear plantillas ou portadas para que sexa máis doado atopar as notas dun vistazo rápido.
Revolucionando as buscas e a creatividade
Máis aló das funcionalidades vencelladas á comunicación, a nova serie Galaxy S24 de Samsung tamén emprega a Intelixencia Artificial para revolucionar as buscas de información empregando xestos. Con Circle To Search, creada xunto con Google, proporciónase ás usuarias de Samsung unha nova ferramenta para descubrir o mundo con xestos. Basta con premer longo sobre o botón Inicio para rodear, destacar, escribir ou tocar calquera cousa que estea na pantalla para atopar resultados na web.
Por exemplo, pódese clicar sobre un produto, un monumento ou un dato curioso para atopar información rapidamente sen saír da aplicación na que se estea, e ademais, nalgúns casos, poderanse ver reseñas xeradas pola IA que proporcionarán información útil e contexto.
As persoas máis creativas poderán desfrutar de ProVisual Engine, un amplo paquete de ferramentas que facilita a toma de imaxes e incentiva a creatividade, desde o momento que se toma a imaxe até que se comparte. E con Nightography, as fotos e vídeos feitos con Space Zoom, serán mellores en calquera situación, mesmo con zoom.
Coas novas ferramentas de edición de Galaxy AI pódense facer modificacións simples para eliminar, retocar ou perfeccionar as imaxes. Con Edit Suggestion os retoques poden facerse automaticamente, e con Generative Edit pódense reencher partes do fondo dunha imaxe con IA xerativa (por exemplo, para reenchar os bordes ou axustar o lugar no que debería estar un obxecto, adaptar á posición desexada).
Instant Slow permite ralentizar un vídeo en acción, xerando frames adicionais seguindo os momentos, e Super HDR amosa previsualizacións reais mesmo antes de ter pulsado o obturador.
Rendemento e características
Os últimos buque insignia de Samsung veñen co hardware máis potente que podemos atopar no mercado na actualidade, para resolver as necesidades de rendemento en accións como os videoxogos, a gravación e edición de víde de gran tamaño ou a xestión de moitas aplicacións a un tempo.
No seu interior levan o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 para Galaxy, unha versión vitaminada e personalizada do procesador de Qualcomm exclusiva para estes modelos Galaxy. Tamén implementan unha cámara de vapor até 1,9 veces máis grande, o que permite controlar mellor a temperatura do dispositivo, maximizando o rendemento enerxético.
As pantallas dos Galaxy S24 acadan un brillo máximo de 2600 nits, e presentan unha visibilidade en exterior mellorada con Vision Booster. O Galaxy S24 Ultra vén con Corning Gorilla Armor, que mellora a durabilidade nun 50%, resulta catro veces máis resistente a rabuñadas e reduce os reflexos en até un 75%, asegurando unha experiencia de visualización superior.
A continuación compartimos todas as súas especificacións
Galaxy S24 | Galaxy S24+ | Galaxy S24 Ultra | |
---|---|---|---|
Pantalla | 6,2 polgadas FHD+ Pantalla Dynamic AMOLED 2X Taxa de refresco de 120Hz (1~120Hz) Vision booster | 6,7 polgadas QHD+ Pantalla Dynamic AMOLED 2X Taxa de refresco de 120Hz (1~120Hz) Vision booster | 6,8 polgadas QHD+ Pantalla Dynamic AMOLED 2X Taxa de refresco de 120Hz (1~120Hz) Vision booster |
Procesador | Snapdragon 8 Gen 3 for Galaxy | Snapdragon 8 Gen 3 for Galaxy | Snapdragon 8 Gen 3 for Galaxy |
RAM | 8 GB | 12 GB | 12 GB |
Memoria interna | 128 GB / 256 GB / 512 GB | 256 GB / 512 GB | 256 GB / 512 GB/ 1 TB |
Cámara frontal | 12MP, F2.2, FOV 80˚ | 12MP, F2.2, FOV 80˚ | 12MP, F2.2, FOV 80˚ |
Cámara traseira | Cámara ultra gran angular de 12MP, F2.2, FOV 120˚ Cámara teleobjetivo de 50MP, OIS F1.8, FOV 85˚ Cámara teleobjetivo de 10MP, 3x Zoom óptico, OIS F2.4, FOV 36˚ | Cámara ultra gran angular de 12MP, F2.2, FOV 120˚ Cámara teleobjetivo de 50MP, OIS F1.8, FOV 85˚ Cámara teleobjetivo de 10MP, 3x Zoom óptico, OIS F2.4, FOV 36˚ | Cámara ultra gran angular de 12MP, F2.2, FOV 120˚ Cámara gran angular de 200MP, OIS F1.7, FOV 85˚ Cámara teleobjetivo de 50MP, 5x Zoom óptico, OIS F3.4, FOV 22˚ Cámara teleobjetivo de 10MP, 3x Zoom óptico, OIS F2.4, FOV 36˚ |
Batería | 4000 mAh (50% en 30 min con cargador de 25W) Carga sen fíos Carga reversible | 4900 mAh (65% en 30 min con cargador de 45W) Carga sen fíos Carga reversible | 5000 mAh (65% en 30 min con cargador de 45W) Carga sen fíos Carga reversible |
Software | Android 14 One UI 6.1 | Android 14 One UI 6.1 | Android 14 One UI 6.1 |
Conectividade | 5G, WiFi 6E, Bluetooth 5.3 | 5G, WiFi 6E, Bluetooth 5.3 | 5G, WiFi 7, Bluetooth 5.3 |
Outros | IP68 | IP68 | IP68, S-Pen |
Dimensións e peso | 70.6 x 147 x 7.6 mm 168g | 75.9 x 158.5 x 7.7mm 197g | 79 x 162.3 x 8.6mm 233g |
Prezo | Desde 909 € | Desde 1159 € | Desde 1479 € |
Dispoñibilidade e prezo
A gama Samsung Galaxy S24 estará dispoñíbel nunha gama de cores inspirada nos minerais da Terra. Así, o Galaxy S24 Ultra chega en gris (Titanium Gray), negro (Titanium Black), violeta (Titanium VIolet) e dourado (Titanium Yellow). Pola súa banda, os Galaxy S24 e Galaxy S24+ poderán adquirirse en negro (Onyx Black), gris (Marble Gray), violeta (Cobalt Violet) e dourado (Amber Yellow). Ademais, os tres podemos estarán dispoñíbeis en cores adicionais en exclusiva na web de Samsung.
En canto a prezos, o Galaxy S24 parte dos 909 € na versión de 128 GB, mentres que a de 256 GB custará 969 €. Por outro lado, o Galaxy S24+ de 256 GB poderase adquirir por 1159 €, e o Galaxy S24+ de 512 GB por 1279 €. Por último, O Galaxy S24 Ultra parte dos 1479 € na versión de 256 GB, pasando a 1579 € a de 512 GB, e a 1819 € a versión máis completa, con 1 TB de capacidade.
Todos eles están en período de precompra até o 30 de xaneiro, con diferentes ofertas e opcións de compra, como a financiación ao 0% a prazos de até 36 meses; a opción de recompra entregando un dispositivo anterior; o dobre de almacenaxe ao mesmo prezo; un 10% de desconto se se adquire a través da Samsung Shop App ou 50 € por realizar o pago por Bizum.