AGalega, Xabarín e AGalegaAudio: a nova plataforma de contidos da CRTVG

A CRTVG vén de estrear a súa plataforma dixital de contidos dixitais, AGalega. Con este lanzamento, a compañía pública reconfigura a súa estrutura dixital para ofrecer contidos de ficción, entretemento, cinema, series, animación, documentais, podcast, directos e contidos exclusivos, a través da maior plataforma dixital audiovisual en galego do mundo.

No momento do seu lanzamento, AGalega incorpora máis de 1.400 contidos audiovisuais que xa están a disposición da audiencia a demanda, cun abno de títulos que abrangue desde as series e programas máis míticos da TVG até espazos nativos dixitais, que foron desenvolvidos en exclusiva para esta aplicación.

Aplicacións nativas

AGalega nace con dúas aplicacións integradas, pero que tamén se poden descargar de xeito individual. Para os máis cativos, a nova aplicación Xabarín trae consigo novidades como “Os Argonautas e a moeda de ouro”, ou o multipremiado filme “Valentina”, que se esstrea en exclusiva na plataforma. Esta app Xabarín tamén se estrea con máis de 1.400 contidos propios xa publicados.

A este respecto, desde A Mesa pola Normalización Lingüística lembran que 33.000 persoas asinaron a iniciativa Xabarín, á que tamén se sumaron concellos e outras entidades sociais, e que permitiu impulsar un acordo que foi aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en maio de 2022.

Por outro lado, tamén ccomeza AGalegaAudio, con todos os servizos e canles da Radio Galega integrado, tanto directos como contidos exclusivos. Incorpora así a radio visual, coa programación desde o estudo multimedia e ao que se suman todos os podcasts e contidos nativos dixitais, cun total de 4.500 audios xa dispoñíbeis na aplicación.

Acceso web e desde a aplicación

A CRTVG permite o acceso a estes contidos a través de tres páxinas web diferenciadas, e tamén a través de aplicacións móbiles, que están dispoñíbeis tanto desde dispositivos Android no Google Play como a través da APP Store de iOS. En febreiro está previsto que chegue ás televisións intelixentes, en Fire TV, LG e Samsung.

Accedamos como accedamos, a plataforma pode empregarse con ou sen rexistro, aínda que recoméndase o rexistro para desfrutar de contidos avanzados, como a suxestión de títulos que poden gustar, a posibilidade de engadir contidos a unha lista propia ou recibir as notificiacións coas últimas novidades engadidas.

Sobre o autor

Reply