O Samsung Unpacked celebrado o pasado mércores, onde coñecemos a nova serie Galaxy S24, tamén deixou outros titulares. Entre eles, o relativo ao Samsung Galaxy Ring, un dispositivo do que se leva rumoreado máis dun ano, e que o fabricante deixou ver uns segundos antes de baixar o telón do evento de presentación dos novos smartphones Galaxy.
O de Samsung non é o primeiro anel do que falamos nas últimas semanas, unha categoría de produto aínda por descubrir, e no que temos alternativas como o Rikki, creado por unha fintech catalana para pagos móbiles, ou o recentemente anunciado anel de Amazfit, deseñado para monitorización da actividade e orientada a atletas.
Malia que Samsung non especificou ningunha das súas características, a presenza de sensores que se puido ver apunta a que a proposta do fabricante surcoreano estaría orientada á monitorización física e do sono.
A finais de febreiro está previsto que se celebre o Mobile World Congress, o maior dos eventos tecnolóxicos do mundo do móbil, polo que durante eses días -ou en datas arredor da celebración dese evento- podería ser presentado. Estaremos atentas.