A competencia apreta, e se o ano comezaba con axustes nos prezos das tarifas por parte de Lowi, agora é a segunda marca de Telefónica a que apreta o cinto. O2 vén de anunciar un novo plan converxente, que permite ás usuarias desfrutar de conexión no seu fogar e unha liña de móbil por 30 €/mes.
O novo plan de O2 ofrece fibra de 300 Mbps simétricos con teléfono fixo con chamadas ilimitadas, e unha liña de móbil con chamadas ilimitadas e 10 GB de datos por 30 €, un prezo moi competitivo para unha conexión máis ca suficiente para moitas usuarias que fan un uso básico da rede.
Cabe sinalar que O2 ofrece outras vantaxes adicionais, como non ter permanencia nin cota de alta. Ademais, as chamadas desde o fixo son ilimitadas a fixos e móbiles, e na liña móbil os SMS son ilimitados e conta con servizo 5G. Tamén dispón de 500 GB de almacenaxe dixital no servizo da nube O2 Cloud e permite ás usuarias beneficiarse dun desconto permanente de 2 €/mes para o servizo de televisión de Movistar, no caso de querer contratalo.
Máis información | O2