Tras Samsung, OnePlus vén de anunciar os seus dispositivos de referencia, o OnePlus 12 e o OnePlus 12R, dous modelos que xa foran presentados no seu país de orixe, China. Agora, ambos os dous chegan ao noso país, onde xa se poden adquririr de forma oficial.
O OnePlus 12 vén cunha pantalla de 6,82 polgadas con resolución 2K e un brillo máximo de 4.500 nits, sendo ademais compatíbel coa taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior temos o chip de referencia de Qualcomm, o Snapdragon 8 Gen 3, con varias combinacións de RAM e memoria interna, sendo a máis completa das que podemos mercar aquí de de 16 + 512 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira triple, formada por un sensor principal de 50 MP, un gran angular de 48 MP e un sensor telefoto de 64 MP. Do outro lado, na parte dianteira do teléfono, a cámara é de 32 MP.
A batería do OnePlus 12 é de 5400 mAh de capacidade, con carga rápida por cable de 100 W e sen fíos de 50 W. Como sistema operativo leva Android 14 con Oxygen OS 14, e completan a ficha de especificacións un lector de pegadas dixitais baixo a pantalla.
Por outro lado, o OnePlus 12R é un modelo de semellante gama, pero que vén co procesador do ano pasado, o Snapdragon 8 Gen 2, e nunha única versión de 16 GB de RAM e 256 GB de memoria. A súa pantalla é un panel tipo LTPO 4.0, con axuste de refresco dinámico até os 120 Hz.

Dispoñibilidade e prezo
O novo OnePlus 12 ten un prezo de partida de 969 euros, para o modelo de 12 GB de RAM e 256 GB de memoria interna. No caso de optar polo modelo de 16 + 512 GB o prezo é de 999 euros.
Pola súa banda, o OnePlus 12R custa 699 € con 16 + 256 GB