A USC contará cunha Cátedra de IA en Medicina Personalizada de Precisión

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vén de facer pública a listaxe de universidades que recibirán financiamento para Cátedras de Intelixencia Artificial (IA), entre as que destaca a cátedra universidade – empresa da USC e Plexus Tech, liderada polo CiTIUS.

Trátase da Cátedra de IA en Medicina de Precisión (MPP), que en palabras do seu director, Senén Barro, “xorde da ambición de optimizar a calidade da atención sanitaria mediante a individualización do proceso asistencial, de acordo coas condicións únicas que caracterizan a cada doente”.

Entre os principais obxectivos que abordará nos seus primeiros catro anos de vida, a Cátedra centrará os
seus esforzos en reforzar a investigación en IA que realiza o CiTIUS, incentivando aquelas liñas de
investigación con maior potencial en proxectos de Medicina Personalizada de Precisión. O obxectivo é
situar a Galiza na vangarda da Intelixencia Artificial neste terreo, a través do liderado do CiTIUS e a USC, a
empresa Plexus Tech, e todo o ecosistema galego implicado.

A principal prioridade investigadora deste novo instrumento científico centrado na IA aplicada á MPP é
a adecuada explotación dos datos dispoñibles. Deles espérase, por unha banda, que acheguen novo
coñecemento e, por outra, que contribúan significativamente ao proceso de toma de decisións do
persoal clínico, poñéndose ao seu servizo como unha sorte de ‘intelixencia aumentada’.

As posibilidades que ofrece a aplicación da Intelixencia artificial neste campo abarcan múltiples ámbitos,
como o descubrimento de fármacos, a identificación de biomarcadores, a caracterización de
subpoblacións, a estimación e inferencia causal de efectos ao tratamento, a comunicación, ou o
intercambio de coñecemento -entre outros-. Á súa vez, estas novas posibilidades expoñen novos retos na
integración de datos multimodais, como a seguridade, a privacidade, a escalabilidade, a eficiencia, a
reproducibilidade, a transparencia ou a confiabilidade.

Sobre o autor

Reply